Novas pintadas poñen en alerta ao Concello de Curtis, que acudirá á Garda Civil

As instalacións municipais de Curtis e Teixeiro volveron ser obxecto de actos vandálicos coa aparición de novas pintadas en diferentes espazos públicos. O Concello anunciou que presentará este luns unha denuncia ante a Garda Civil para tratar de esclarecer os feitos e identificar as persoas responsables.
Nesta nova vaga de pintadas resultaron afectados varios equipamentos de titularidade municipal, entre eles as naves do recinto feiral de Curtis, o paso inferior da vía en Teixeiro e o campo de fútbol Lucas Vázquez.
Desde o goberno local sinalan que non se trata dun episodio illado. As pintadas e outros danos no mobiliario urbano veñen repetíndose en distintos puntos do municipio, unha situación que levou ao Concello a optar agora pola vía legal para tentar frear este tipo de comportamentos.
O problema vai máis alá do impacto visual que provocan os grafitis. Segundo os cálculos municipais, o vandalismo xera cada ano un gasto adicional de arredor de 30.000 euros para as arcas públicas. Esta cantidade inclúe tanto os traballos necesarios para eliminar pintadas como a reparación ou substitución de elementos do mobiliario urbano que resultan danados.
'Cada pintada págaa a veciñanza'
O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, puxo o foco no custo que teñen estas actuacións para o conxunto da cidadanía. 'Falamos de espazos que son de todos e que se manteñen co esforzo de todos, así que cada pintada págaa a veciñanza', sinalou.
O rexedor tamén destacou que os recursos destinados cada ano a reparar os efectos do vandalismo poderían empregarse noutras necesidades do municipio. 'Con eses 30.000 euros anuais poderiamos estar mellorando servizos ou instalacións en Curtis e en Teixeiro, en lugar de reparar ou cambiar danos na vía pública', apuntou.
A intención do Concello é que a denuncia permita avanzar na identificación dos autores das pintadas e evitar que estas accións continúen repetíndose. A administración local considera que os equipamentos públicos forman parte do patrimonio colectivo e que a súa conservación supón un esforzo económico que repercute directamente no conxunto da veciñanza.
Chamamento á colaboración da veciñanza
Ademais das medidas legais, o Concello fixo un chamamento á cidadanía para que comunique calquera comportamento sospeitoso relacionado con danos no mobiliario ou nas instalacións públicas.
'En primeiro lugar pedimos responsabilidade e respecto ao patrimonio público, pero tamén que quen vexa algo o comunique', indicou Caínzos.
O goberno municipal asegura que manterá os traballos de conservación dos equipamentos públicos tanto nas dúas principais vilas como no conxunto das parroquias. A denuncia ante a Garda Civil será así o seguinte paso para tentar poñer freo a unha situación que, ademais de deteriorar espazos de uso común, obriga a destinar recursos públicos á súa limpeza e reparación.