Novas axudas para comedor, libros e material escolar no próximo curso en Miño

ACoruñaXa
As familias poderán presentar as solicitudes desde o 9 de xuño ata o 3 de xullo para acceder ás bolsas municipais do curso 2026-2027
MIÑO ceip castro baxoi
9 Jun 2026

O Concello de Miño abre este martes, 9 de xuño, o prazo para solicitar as bolsas municipais de comedor escolar e as axudas destinadas á compra de libros e material escolar para o curso 2026-2027. As familias interesadas terán ata o venres 3 de xullo para tramitar a súa petición.

A convocatoria busca apoiar economicamente os fogares con alumnado escolarizado e aliviar os gastos asociados ao inicio do curso. No caso das axudas para libros e material escolar, están dirixidas a familias empadroadas e residentes en Miño, cun límite de renda per cápita familiar de 9.000 euros anuais. A partida prevista ascende a 2.500 euros e as contías poden chegar ata os 100 euros para alumnado de 4º de Educación Infantil, 80 euros para 5º e 6º de Infantil, 250 euros para 1º de Bacharelato e 270 euros para 2º de Bacharelato.

A liña de bolsas de comedor está pensada para alumnado do CEIP Castro Baxoi de segundo ciclo de Educación Infantil, Primaria e ESO. Neste caso, o orzamento municipal alcanza os 30.000 euros e a axuda poderá cubrir entre o 25 % e o 100 % do custo do servizo, segundo a puntuación obtida en función dos criterios económicos, familiares e sociais recollidos nas bases.

Como novidade, as persoas beneficiarias das bolsas de comedor deberán presentar a aceptación ou renuncia da axuda mediante o Anexo VI no prazo de 15 días hábiles desde a publicación da resolución definitiva. Se non se entrega esa documentación, entenderase que a familia desiste da solicitude.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Miño, tanto de maneira presencial como a través da sede electrónica. Os formularios e anexos necesarios están dispoñibles nas dependencias municipais e na web do Concello. Se quedase crédito dispoñible, abrirase unha segunda fase de solicitudes entre o 15 e o 30 de setembro.

0.1424708366394