Nova presión no Parlamento para resolver os recheos de Armuño

O BNG volve levar ao Parlamento galego a situación dos recheos realizados nunha parcela de Armuño, na parroquia bergondesa de Lubre, unha actuación que foi paralizada hai arredor de catro anos polo Concello de Bergondo ao non axustarse á licenza concedida en solo rústico.
A deputada Mercedes Queixas rexistrou unha nova iniciativa para reclamar á Xunta unha resposta sobre o estado do expediente tramitado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), organismo competente neste caso ao tratarse dunha parcela situada en solo rústico. A formación nacionalista pide coñecer tamén cantas multas coercitivas se impuxeron, por que importe, se foron aboadas e que prazo manexa a Administración autonómica para que os terreos volvan ao seu estado inicial.
Segundo recolle a iniciativa parlamentaria, os movementos de terra crearon un talude duns 15 metros nunha parcela próxima á vivenda número 66 de Armuño e ao polígono industrial. O BNG sostén que esta situación xerou preocupación entre a veciñanza, especialmente despois de episodios de choiva nos que a auga chegou a afectar parcelas próximas.
Queixas lembra que a APLU informou en outubro de 2025 de que o expediente estaba xa en fase de execución forzosa, tras a imposición dunha primeira multa coercitiva en marzo dese ano e unha inspección realizada no mes de xullo. A pesar diso, a parcela continúa, segundo o BNG, sen os traballos necesarios para restituír a legalidade urbanística.
A formación tamén denuncia que a propiedade non estaría cumprindo coa limpeza e acondicionamento da maleza na parcela, unha situación que, segundo os nacionalistas, engade novos problemas á veciñanza da contorna.
O portavoz municipal do BNG en Bergondo, David Carro, considera que non é aceptable que, catro anos despois da paralización dos traballos, a situación siga sen resolverse. O grupo reclama á Xunta máis axilidade e unha solución definitiva para evitar a sensación de impunidade ante actuacións que, segundo a propia tramitación da APLU, non se axustaron á normativa.