Norte Cinema Diverso dá o nome de Trini Falcés ao premio á mellor curtametraxe

ACoruñaXa
O festival LGTBIQ+ da Coruña rebautiza o seu galardón en recoñecemento á traxectoria da activista trans
Imaxe de Trini Falcés
20 Jan 2025

O festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso da Coruña renderá homenaxe a Trini Falcés, muller trans coruñesa falecida en 2022, dando o seu nome ao premio á mellor curtametraxe. A organización do evento, que celebrará a súa terceira edición do 20 ao 22 de febreiro no Teatro Colón, tomou esta decisión co obxectivo de manter viva a súa memoria e reivindicar a importancia da historia do colectivo LGTBIQ+.

"Cremos que é fundamental que figuras como Trini non caian no esquecemento. O NCD é un festival que aposta pola memoria histórica para non repetir os erros do pasado", sinalou Fernando Cayazzo, codirector do certame.

Trini Falcés foi unha pioneira na loita polos dereitos do colectivo. Pasou parte da súa vida en campos de concentración franquistas e en 1977 liderou a primeira marcha do Orgullo en España, celebrada en Barcelona, cidade na que residiu durante tres décadas. Recentemente, unha exposición na biblioteca municipal de Durán Loriga lembrou a súa figura e legado.

A curtametraxe gañadora da primeira edición do NCD foi 'Una dedicatoria a lo bestia', de Nucbeade, mentres que en 2024 o premio recaeu na produción portuguesa 'Um caroço de Abacate', de Ary Zara. Para a edición de 2025, once obras competirán polo tradicional zoco da diversidade, deseñado pola artesá Elena Ferro, que agora se denomina premio Trini Falcés.

0.14848184585571