'Ningunha soa', o lema de Culleredo contra a violencia machista nunha programación especial polo 25N

ACoruñaXa
Teatro, obradoiros, charlas nos institutos e programas de radio conforman unha axenda que se estende durante todo novembro e pon o foco na prevención da violencia machista entre os adolescentes
Casa do Concello de Culleredo
24 Nov 2026

Culleredo encara o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora este mércores 25 de novembro, cunha programación especial baixo o lema 'Ningunha soa'. O Concello organizou durante todo o mes distintas actividades culturais, educativas e reivindicativas para concienciar sobre as violencias machistas e mostrar o seu apoio ás vítimas.

A axenda municipal busca implicar a toda a cidadanía, desde a infancia ata as persoas adultas, con especial atención á mocidade e á prevención da violencia de xénero entre adolescentes. Entre as propostas que aínda quedan por celebrarse figuran unha tertulia radiofónica, actividades infantís, obradoiros e unha representación teatral.

Charlas e radio para previr a violencia entre adolescentes

A programación pon o foco na sensibilización dos mozos a través dun ciclo de charlas dirixido ao alumnado dos institutos Rego de Trabe e Eduardo Blanco Amor, que se desenvolve durante novembro. As sesións están impartidas por Fernando Jiménez, formador da Garda Civil dentro do Plan Director, e Adela Muñoz Crespo, integradora social.

Este enfoque xuvenil completarase este martes 24 de novembro, ás 11:30 horas, cunha tertulia en Radio Culleredo sobre a percepción do xénero entre os adolescentes. Nela participarán Adela Muñoz e a pedagoga Susana López Bogo.

Teatro e actividades para os máis pequenos

O ciclo municipal 'Culleredo Escena', que se desenvolve no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, incluirá unha nova representación vinculada á igualdade. O venres 27 de novembro, ás 20:30 horas, chegará 'Todas temos a mesma historia', de La Griot'te Teatro. A función será gratuíta previa reserva.

Ademais, este mércores 25, ás 17:00 horas, a Biblioteca Municipal Miguel González Garcés acollerá o espectáculo infantil 'Princesas non grazas', de Manuela Contacontos, dirixido a nenos e nenas a partir de tres anos.

Un 25N con obradoiros, radio e reivindicación no deporte

O propio Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller concentrará varias iniciativas. O alumnado do Centro Ocupacional A Escada participará no obradoiro 'Arte en cor violeta', impartido por Susana López Bogo.

Radio Culleredo emitirá tamén ás 13:00 horas unha entrevista con Fátima Uzal Trigo, directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Culleredo, centrada nas violencias que se producen no ámbito dixital.

A xornada terá así mesmo presenza no ámbito deportivo, coa lectura e difusión dun manifesto contra as violencias machistas durante as actividades deportivas municipais.

Autocoñecemento e campaña contra a explotación sexual

A programación completarase co obradoiro de autocoñecemento 'EstimArte', previsto para o 30 de novembro no Centro Residencial Docente.

Culleredo súmase tamén á campaña institucional 'De Fronte', impulsada pola Deputación da Coruña, que este ano centra a súa mensaxe na prostitución e na explotación sexual, cuestionando a responsabilidade de quen paga por sexo, a normalización da demanda e a mercantilización dos corpos das mulleres.

O Concello lembra que as mulleres que sufran violencia machista poden recorrer ao teléfono 016, un servizo gratuíto, confidencial e dispoñible as 24 horas do día.

0.14318013191223