Música, showcookings e miles de visitantes agardados para a inauguración da 35 Festa do Champiñón de Ordes

Ordes dá comezo este venres, 24 de abril, á trixésimo quinta edición da Festa do Champiñón, unha das súas citas gastronómicas e festivas máis consolidadas, cun programa que volverá combinar concertos, folclore, degustacións, showcookings e actividades paralelas ao longo de toda a fin de semana. O Concello confía en superar a cifra de visitantes do pasado ano, que xa se situou en varios milleiros, favorecido nesta ocasión polas boas previsións meteorolóxicas.
A programación arrancará no Campo da Feira cunha verbena a cargo da orquestra La Fórmula ás 22.30 horas e co concerto de Mondra ás 23.30 horas. O sábado 25 a actividade comezará desde primeira hora da mañá cos pasacalles de Embruxo Gaiteiros e Camiño Real de Poulo a partir das 10.00 horas. A sesión vermú estará protagonizada por DJ Jesusinho e Charanga TNT desde as 13.00 horas, mentres que pola tarde haberá unha exhibición da escola de baile Tropicalia ás 19.00 horas, unha nova actuación de Charanga TNT ás 20.00 e o pase do grupo Finisterre ás 22.00. Xa de noite, Mago de Oz será un dos grandes atractivos desta edición cun concerto previsto para as 23.30 horas.
A xornada do domingo 26 estará marcada pola música tradicional e as actuacións para todos os públicos. A.C. Leira Gaiteiros, A.C. As Pandeireteiras de Ardevento e A.F. Sementes da Arte abrirán o día, ao que se sumará a Banda de Música de Ordes con pasacalles e actuación ás 11.00 e ás 13.00 horas. O grupo Alaska actuará ás 14.00, mentres que a Charanga BB+, París de Noia e Capitol porán o peche final á festa a partir das 17.00 e 18.00 horas.
A vertente gastronómica volverá ter un peso central. Tanto o sábado como o domingo haberá showcookings no Campo da Feira, de 12.00 a 18.00 horas, con receitas elaboradas con champiñóns que se ofrecerán de balde ao público. Durante toda a fin de semana tamén haberá polbeiras, mentres que na hostalería local xa está todo disposto para servir tapas e pratos nos que o produto estrela volverá ser o gran protagonista.
A celebración completarase cunha ampla oferta paralela. O sábado, tras o recibimento oficial ás autoridades previsto arredor das 12.30 horas, realizarase unha visita á feira de maquinaria agrícola e ao mercado de artesanía. No primeiro caso participarán máis de 15 firmas comerciais de Ordes, doutros municipios da comarca e tamén de Santa Comba, con exposición de tractores, cisternas, remolques, ensiladoras ou rozadoiras telescópicas, ademais dunha mostra de tractores antigos. No mercado de artesanía, instalado na alameda, volverán ocuparse os 20 postos habilitados, aos que este ano se sumarán produtos relacionados cos cogomelos e os champiñóns na sección de alimentación.
A festa contará tamén cun espazo para a promoción nas redes sociais a través do photocall con Champi, a mascota do evento, situado na entrada do recinto feiral. O Concello anima á veciñanza e ás persoas visitantes a compartir as súas imaxes co cancelo #champi para contribuír á difusión da celebración.
No apartado hostaleiro, AECOR entregará por segundo ano consecutivo o Champiñón de Ouro ao establecemento cuxa tapa reciba a mellor valoración do público. A participación realizarase mediante os códigos QR dispoñibles en cada local a través da aplicación AecorClub. Ademais, entre as persoas participantes sortearase un vale de 50 euros para consumir no negocio gañador.
Co inicio da festa, o Concello mantén xa en marcha unha reordenación temporal do tráfico na contorna do recinto festivo. Ata o luns, festivo local, haberá restricións puntuais, co acceso á explanada do Campo da Feira prohibido e limitacións de estacionamento na rúa Muíño e na marxe dereita da rúa da Feira en sentido rotonda.