A Festa do Champiñón obrigará a reorganizar o tráfico durante cinco días en Ordes

ACoruñaXa
O dispositivo especial manterase desde este xoves 23 ata o luns 27 ás 15.00 horas, con cortes puntuais, cambios na circulación e restricións de estacionamento na contorna do recinto festivo
ORDES festa champiñon
22 Apr 2026

 

A celebración da XXXV Festa do Champiñón levará aparellada unha reordenación temporal do tráfico en Ordes ao longo de cinco días. O Concello activará desde este xoves 23 e ata o luns 27 ás 15.00 horas un dispositivo especial de circulación e estacionamento na contorna do recinto festivo, co obxectivo de facilitar a montaxe, o desenvolvemento da festa e a seguridade das persoas asistentes.

As restricións afectarán especialmente á explanada do campo da feira, que permanecerá cortada desde o mércores ás 15.00 horas. Ademais, quedará prohibido estacionar en toda a rúa Muiño a partir do xoves ás 8.00 horas. A estas limitacións sumarase tamén a prohibición de estacionamento na rúa da Feira, na zona situada na marxe dereita en sentido rotonda, igualmente desde o xoves ás 8.00 horas.

Xunto a estas medidas, o plan inclúe cambios temporais no sentido de circulación, cortes en distintos tramos de rúas da zona e a habilitación de espazos para a instalación de carpas, escenarios musicais e atraccións feirais. A Policía Local será a encargada de coordinar este operativo extraordinario durante os días centrais da festa.

Desde o Concello pídese á veciñanza que preste atención á sinalización circunstancial e que extreme a precaución nos seus desprazamentos, xa que a mobilidade na contorna do recinto sufrirá modificacións mentres duren os preparativos e a programación festiva. A administración local tamén agradece a colaboración cidadá ante unhas medidas que considera necesarias para garantir o bo desenvolvemento dun dos eventos máis destacados do calendario ordense.

0.13128709793091