Morre Gastón, o tiburón touro que marcou a memoria de varias xeracións na Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
O Aquarium Finisterrae despide un dos seus animais máis emblemáticos tras dúas décadas na sala Nautilus
A CORUÑA tiburón Gastón
3 Jul 2026

O Aquarium Finisterrae da Coruña despedía este venres a Gastón, o tiburón touro que durante 20 anos se converteu nun dos grandes símbolos do acuario coruñés. A súa presenza na sala Nautilus fixo del unha figura recoñecible para miles de visitantes e nun referente na divulgación sobre a vida mariña.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, lamentou a súa morte e destacou o vínculo emocional que o animal chegou a crear coa cidadanía. 'Gastón era un símbolo desta cidade. O tiburón co que moitos crecemos e aprendemos a educarnos no amor á natureza', sinalou a rexedora.

Gastón nacera nas augas da costa surafricana e chegou con tres anos ao Oceanópolis, o acuario de Brest. Os problemas de convivencia con outros exemplares da súa especie levaron os seus coidadores a buscar un novo destino para el, ata que en febreiro de 2006 foi trasladado ao Aquarium Finisterrae.

Cando chegou á Coruña, medía 2,5 metros e pesaba arredor de 120 quilos. Antes de incorporarse ao tanque principal da sala Nautilus, pasou varias semanas en corentena e nun proceso de adaptación ás augas atlánticas, xa que procedía dun tanque tropical.

A adaptación completouse con éxito. Gastón comezou a alimentarse con normalidade, gañou peso e acabou integrándose no seu novo hábitat, onde axiña se converteu nunha das grandes estrelas do Aquarium Finisterrae.

Durante a súa vida no acuario coruñés superou os 2,5 metros de lonxitude e chegou a unha idade estimada duns 30 anos, unha cifra especialmente relevante para esta especie, que en liberdade adoita vivir entre 15 e 20 anos.

A súa morte deixa un baleiro nun espazo que durante dúas décadas axudou a transformar o medo aos grandes depredadores mariños en admiración, coñecemento e respecto pola natureza.

0.14002394676208