Monte Alto chega ao pleno coas demandas do BNG por mobilidade, limpeza e accesibilidade

A candidata do BNG á Alcaldía da Coruña, Avia Veira, levará ao pleno do vindeiro 14 de maio unha moción centrada en Monte Alto, co obxectivo de reclamar ao Goberno local medidas para atender as necesidades do barrio en materia de mobilidade, accesibilidade, limpeza, equipamentos públicos e servizos municipais.
Veira, veciña de Monte Alto, presentou a iniciativa ao pé da Torre de Vixía, onde criticou que o executivo de Inés Rey non estea a prestar a atención necesaria aos barrios da cidade. Segundo sinalou, Monte Alto é un exemplo desa falta de coidado do espazo público, con beirarrúas deterioradas, pasos de peóns despintados e dificultades engadidas para persoas con discapacidade ou diversidade funcional.
A moción tamén incide nos problemas de transporte público, especialmente nas conexións cos hospitais e cos polígonos industriais. A isto súmanse, segundo o BNG, as avarías recorrentes nas escaleiras mecánicas de Adelaida Muro, unha infraestrutura clave para a accesibilidade nun barrio marcado polos desniveis.
Outro dos puntos que Veira levará ao pleno será o estado dalgúns edificios públicos emblemáticos de Monte Alto. A nacionalista puxo como exemplos o antigo cárcere, que permanece nunha situación de deterioro, e a Domus, cuxa fachada segue pendente de reparación.
A candidata tamén se referiu ao Parque de Vixía, proxecto anunciado polo Goberno local en 2020 como Parque dos Nenos. Veira lembrou que as obras tardaron seis anos en ser adxudicadas e atribuíu ese avance á presión política do BNG, que levou o asunto ao pleno en 2024 e 2025 e o incluíu no acordo orzamentario de 2024.
A limpeza será outra das reclamacións centrais da moción. O BNG considera que Monte Alto precisa unha actuación intensiva neste ámbito, unha demanda que, segundo Veira, é compartida pola veciñanza e se repite noutros distritos da cidade.
Entre as propostas que completan a iniciativa figuran o reforzo dos recursos do centro cívico para ampliar a oferta de actividades e a creación dunha área canina no barrio.