Mojinos Escozíos dará un concerto gratuíto en Culleredo xunto ao Mercado Templario

Culleredo acollerá o vindeiro venres 3 de xullo un concerto gratuíto de Mojinos Escozíos no paseo marítimo do Burgo, dentro da programación vinculada ao Mercado Templario.
A actuación comezará ás 23.00 horas e celebrarase na zona da Cros, no espazo onde habitualmente se desenvolven as verbenas das festas patronais do Burgo, con capacidade para milleiros de persoas.
O grupo liderado por 'El Sevilla' levará a Culleredo a súa xira de 2026 cun espectáculo marcado polo rock e o humor.
O concerto formará parte dunha semana de intensa actividade cultural e lúdica no municipio. Do 1 ao 5 de xullo celebrarase o Mercado Templario, con arredor dun cento de postos, animación e gastronomía. Ademais, do 3 ao 6 de xullo terá lugar o festival BurgoJazz no Xardín Botánico do Burgo.
O alcalde, José Ramón Rioboo, destacou que esta programación busca dinamizar o municipio e atraer visitantes durante unha fin de semana con múltiples propostas culturais e de lecer.