Miño traslada ao domingo a programación do Halloween Costa Miño polo accidente ferroviario de Urda

A programación do Halloween Costa Miño 2026 cambia de data como mostra de respecto e solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Urda e coas súas familias, e con motivo do loito oficial declarado. O Concello de Miño e a Comisión de Festas de Costa Miño acordaron suspender as actividades previstas para este sábado 31 de outubro e trasladalas ao domingo 1 de novembro.
Os actos concentraranse na carpa instalada na rúa Sualeira e comezarán ás 11:00 horas coa votación popular do concurso de decoración de casas, que poderá realizarse a través dos códigos QR colocados nas vivendas participantes. Ás 13:00 horas chegará a quenda do espectáculo de Rock en Familia, titulado 'Descubrindo AC/DC', unha proposta para achegar a música da banda británica ao público familiar.
Ao rematar o concerto, arredor das 14:15 horas, entregaranse os agasallos da exposición de cabazas e os premios do concurso de decoración de vivendas. A xornada continuará coa actuación do Dúo Deluxe e unha degustación de empanada e boliños preñados. Durante este tempo tamén haberá atraccións infantís na rúa Sualeira, ademais de servizo de bar, comida e castañas.
Unha exposición de cabazas e unha ruta de terror
Aínda que as actividades principais se concentran o domingo, o Halloween Costa Miño mantén outras propostas durante os primeiros días de novembro. A exposición participativa de cabazas permanecerá na Fraga do Xario desde o 31 de outubro ata o 9 de novembro. As persoas que quixeron participar puideron entregar as súas cabazas os días 28 e 29 de outubro para incorporalas á mostra.
A programación completarase o domingo 8 de novembro cunha ruta terrorífica e literaria xunto á escritora Fátima Elías. Haberá dous grupos, con saídas ás 18:00 e ás 19:30 horas, desde a entrada da Fraga do Xario pola rúa Monteagudo.
Para participar nesta última actividade será necesaria unha inscrición previa, que se realizará entre o 2 e o 4 de novembro na Biblioteca Pública Concepción Arenal de Miño, de forma presencial ou chamando ao teléfono 981 778 807. As prazas son limitadas e terán preferencia as persoas empadroadas no municipio.
Desde a organización animan a participar nas actividades e lembran que as persoas asistentes poden acudir disfrazadas e levar unha lanterna para a ruta. Os menores de 14 anos deberán ir acompañados dunha persoa adulta.