Miño renova o equipamento deportivo de varias instalacións municipais

O Concello de Miño continúa renovando e acondicionando as instalacións deportivas municipais con novas actuacións destinadas a mellorar os espazos para a práctica de diferentes disciplinas. Os traballos máis recentes consistiron na instalación de novas porterías de fútbol sala no CPI Castro Baxoi.
Esta intervención súmase a outras melloras realizadas nas áreas deportivas de A Galea e Costa Miño, onde se colocaron novas porterías, renováronse as redes de tenis e leváronse a cabo traballos de pintado e peche das pistas.
O programa de actuacións tamén se estendeu a outras zonas do municipio. En Bra e Callobre instaláronse recentemente novas canastras de baloncesto, ampliando así as melloras no equipamento dispoñible para a veciñanza.
Estas intervencións forman parte do proceso de modernización e acondicionamento das infraestruturas municipais que está a impulsar o Goberno local, xunto con outras obras de mellora de rúas e conexións tanto no núcleo urbano como nas áreas rurais.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou a importancia de manter unha oferta deportiva ampla e en boas condicións para a cidadanía. 'Se algo caracteriza o noso municipio e a nosa xente é o seu estilo de vida activo, polo que manter unha oferta deportiva ampla, moderna, segura e de calidade sempre está entre as nosas prioridades', sinalou.