Miño incorpora a 'Senda dous Sentidos' e a 'Senda da Fraga do Xarío' á lista de sendeiros azuis

ACoruñaXa
O Concello de Miño está a lograr recuperar estes espazos "grazas á colaboración e a xenerosidade das veciñas e veciños que cederon os dereitos de paso dos seus terreos para goce público"
O presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, José Palacios, entregoulle o distintivo ao alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo
O presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, José Palacios, entregoulle o distintivo ao alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo
18 mar 2024

Os enclaves naturais 'Senda dous Sentidos' e 'Senda da Fraga do Xarío' de Miño recibiron este sábado dúas bandeiras 'sendeiro azul'. Este selo recoñece a estes como espazos que foron recuperados e postos en valor transformando valiosos recursos para a interpretación ambiental e o goce da natureza.

O obxectivo deste recoñecemento é sinalar cales son os lugares ideais para a sensibilización ambiental, entendida como unha ferramenta que contribúe ao cambio da nosa sociedade.

O presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), José Palacios, entregoulle o distintivo ao alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, e ás concelleiras Catalina Morado, Emma González e Yolanda Bello.

José Palacios quixo recoñecer que o Concello de Miño está a lograr recuperar estes espazos “grazas á colaboración e a xenerosidade das veciñas e veciños que cederon os dereitos de paso dos seus terreos para goce público”, ánimos aos que se sumou o rexedor, Manuel Vázquez Faraldo, sinalando que “temos dous enclaves naturais, tanto a ‘Senda dous Sentidos’ como a dos ‘Muíños do Río Xarío’ no que se implicaron enormemente as persoas propietarias; este recoñecemento das bandeiras ‘carreiro azul’ é, en parte, seu”.

Pola súa banda, o alcalde Faraldo sinalou, á súa vez, que “existen outras sendas como a de 'Marismas do Baxoi' e a de 'Muíños do Río Medio' que optarán ao galardón a próxima convocatoria”.