Miño contará dende o verán con fibra óptica en todo o municipio

ACoruñaXa
A acción trátase dunha iniciativa da Axenda España 2026 para eliminar a fenda dixital entre as zonas urbanas e rurais, garantindo unha conectividade moderna cun mínimo de 100 mbps en 2025
Imaxe do cartel do Plan UNICO
Imaxe do cartel do Plan UNICO
1 abr 2024

O programa ÚNICO do Ministerio e Asuntos Económicos e Transformación Dixital levará unha conexión a internet de calidade a todos os domicilios de Miño a través da empresa Rede Aberta.

Deste xeito, levará fibra neutra (isto é, válida para contratar con calquera operadora) a todas as zonas do municipio. A acción trátase dunha iniciativa da Axenda España 2026 para eliminar a fenda dixital entre as zonas urbanas e rurais, garantindo unha conectividade moderna cun mínimo de 100 mbps en 2025.

Así, en Miño xa comezaron os traballos, que estarán finalizados antes do verán, dando a posibilidade a todo o mundo de ter internet de alta velocidade. Aqueles veciños e veciñas que aínda non dispoñan de servizo de fibra óptica e pensen que non van chegar á súa casa por estar illada poden poñerse en contacto co Concello a través do correo comunicacion@concellodemino.gal. Todos eles, deberán facilitar o seu nome, dirección e a referencia catastral da vivenda ou as coordenadas GPS. Posteriormente, o Concello trasladarallo á empresa para que instalen a fibra.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destaca a importancia de “ter unha conectividade a internet moderna en todo ou concello, pois este tipo de servizos axúdannos a continuar co incremento de poboación logrado nestes últimos anos”. Incide en que “hoxe en día é básico dispor dunha boa conexión dende as casas, estean en zona urbana ou rural. Cando a instalación estea rematada, Miño será un concello aínda máis atractivo para vivir”.