Milleiros de persoas participaron no Día do Deporte na Rúa na contorna de Riazor

A contorna da cidade deportiva de Riazor e as praias de Riazor e Orzán convertéronse este domingo no escenario da 39ª edición do Día do Deporte na Rúa, unha iniciativa municipal coa que o Concello promove a práctica deportiva aberta á cidadanía.
A xornada reuniu milleiros de persoas e contou coa participación de arredor de 90 entidades deportivas da cidade, que ofreceron demostracións e actividades en máis de 60 modalidades diferentes, abertas á participación do público asistente.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou no evento xunto ao concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa. Rey destacou o carácter consolidado da iniciativa, que cualificou como un dos programas deportivos máis lonxevos do Concello e subliñou o traballo conxunto co tecido asociativo e deportivo da cidade.
Como novidade desta edición, a praza de Portugal acolleu o denominado Día do Xogo, unha proposta pensada para nenos e nenas de 2 e 3 anos, incorporada por primeira vez ao programa. Ademais, habilitouse un espazo de lactancia e cambiadores no Palacio dos Deportes para facilitar a conciliación familiar durante a xornada.