Miguel Lorenzo leva á Sagrada Familia as propostas do PP sobre seguridade, aparcadoiro e comercio

O portavoz do Grupo Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, visitou este xoves o barrio da Sagrada Familia, onde a formación instalou unha carpa informativa na praza principal para recoller as demandas de veciños, comerciantes e hostaleiros.
Segundo trasladou o PP, unha das principais preocupacións expostas durante o encontro foi a falta de resposta municipal a cuestións como a seguridade, a rehabilitación de edificios, o mantemento dos espazos públicos, a falta de aparcadoiro e o elevado número de locais comerciais baleiros.
Lorenzo defendeu que o barrio precisa 'solucións reais' e apostou por recuperar unha policía de barrio con presenza nas rúas, reforzar os traballos de mantemento, impulsar axudas para rehabilitar inmobles antigos e poñer en marcha un plan de dinamización comercial que contribúa a revitalizar a zona.
A formación popular tamén puxo o foco na situación do aparcadoiro. Segundo o grupo municipal, a redución de prazas públicas derivada de diferentes obras incrementou a presión sobre os garaxes privados e provocou unha suba dos prezos nun barrio no que, aseguran, xa existía unha importante demanda de estacionamento. O PP defende que antes de executar actuacións que eliminen prazas na vía pública deben ofrecerse alternativas á veciñanza.
Durante a visita, Lorenzo tamén se referiu ás obras de Alfonso Molina. O portavoz popular expresou dúbidas sobre os prazos da actuación tras o anuncio da licitación da segunda fase de integración ambiental da avenida. O Ministerio de Transportes comunicou a licitación desta intervención por 5,9 millóns de euros, cun proxecto que prevé melloras peonís, ciclistas e ambientais no tramo da AC-11.
O PP afirma que a obra principal acumula atrasos e reclama máis información sobre a súa finalización. A formación rexistrou no Congreso unha batería de preguntas para pedir explicacións sobre a evolución dos traballos e insta ao Goberno local a reclamar ao Executivo central unha data concreta para rematar a actuación.