Miguel Lorenzo agradece o compromiso dos Comités de Barrio do PP

O presidente do PP local e portavoz do Grupo Municipal, Miguel Lorenzo, agradeceu o compromiso dos Comités de Barrio do partido para reforzar a presenza na rúa co obxectivo de escoitar os veciños, recoller as súas inquietudes e achegar propostas para solucionar os problemas cidadáns.
Lorenzo, acompañado polo coordinador de Barrios, Gonzalo Mora, mantivo unha reunión cos presidentes dos comités para agradecerlles o seu traballo a pé de rúa para ser os ollos e os oídos do grupo municipal nos barrios, “fundamental nestes tres anos pasados e, sobre todo, nos meses que faltan para as eleccións municipais e chegar cun gran proxecto de cidade que consiga a Alcaldía da Coruña para o Partido Popular”.
O presidente popular puxo en valor o traballo realizado nas carpas informativas que se foron instalando nos barrios, “cun gran éxito de afluencia cidadá, aos que se lles informou sobre a desastrosa xestión de Inés Rey en temas tan importantes como a vivenda, a inseguridade, a falta de mantemento ou a non execución do orzamento municipal, así como das nosas propostas para solucionalos e mellorar a calidade de vida dos coruñeses”.
“Inés Rey deixou sen investir 400 millóns de euros en obras nos barrios e non controla a execución dos contratos de mantemento, que lle custan a unha familia coruñesa de tres persoas 720 euros anuais dos seus impostos. Hai unha gran indignación na rúa pola falta de xestión de Inés Rey e o abandono dos barrios. Nós presentamos mocións con propostas, o goberno municipal vota a favor pero despois non cumpre ningunha. Seguiremos a pé de rúa para explicar a desastrosa xestión municipal”, sinalou.