Mercedes Queixas apela en Cambre ao voto con Ana Pontón como referente alternativa

ACoruñaXa
A candidata número 2, pola pronvincia da Coruña, sinalou que "non merece ser presidente alguén que veta entrevistas con xornalistas que ve incómodas ou dá plantón a centos de miles de televidentes ao non ir ao debate da TVE"
Imaxe do mitin do xoves 15 en Cambre do BNG
Imaxe do mitin do xoves 15 en Cambre do BNG
16 feb 2024

O penúltimo día de campaña Mercedes Queixas, cabeza de lista do BNG por A Coruña, declarou que ten claro que “o PP vai pasar á oposición porque a maioría da sociedade galega atopou en Ana Pontón un referente alternativo”.

“Non merece ser presidente alguén que veta entrevistas a xornalistas que considera incómodas ou dá plantón a centos de miles de galegas e galegos televidentes ao non ir ao debate da TVE”, afirmou Queixas nun mitin no Hotel A Marisqueira este xoves que ofreceu canda as tamén candidatas Beatriz Pérez, Bea a de Estrella, e Iria Taibo.

Por vez primeira na historia das eleccións autonómicas, o candidato do partido no goberno non é o máis valorado, senón que o é a candidata da primeira forza da oposición, “unha Ana Pontón que mesmo é ben valorada por parte do electorado do PP”.

Mais tamén por vez primeira na historia o goberno do País é visto polas galegas e os seus galegos “como o cuarto principal problema da nosa sociedade”. “A xente está farta da mala xestión dos servizos públicos, de que non se dea solución á carestía da vivenda, de que non haxa unha política industrial digna de tal nome que impida a emigración de mozas e mozos altamente cualificados”, engadiu.

Queixas ve “síntomas clarísimos” de que o País vai pechar páxina. “Basta ver o crecente nivel de manipulación da TVG. Hai unha regra non escrita. Canta máis manipulación dos informativos da TVG, máis evidente o estado de pánico no que se atopa o PP, máis próxima está a súa derrota”, razoou.

“Ten razón o PP para ter entrado en pánico. A candidatura de Ana Pontón non só é a da Galiza nacionalista, galeguista e progresista, a da Galiza que quere cambio, senón que tamén está a atraer a persoas que en anteriores eleccións depositaron a súa confianza no PP. Esa confianza foi defraudada, polo que non é de estrañar que agora ollen para Pontón e o BNG”, concluíu.