Mercedes Queixas apela en Cambre ao voto con Ana Pontón como referente alternativa
O penúltimo día de campaña Mercedes Queixas, cabeza de lista do BNG por A Coruña, declarou que ten claro que “o PP vai pasar á oposición porque a maioría da sociedade galega atopou en Ana Pontón un referente alternativo”.
“Non merece ser presidente alguén que veta entrevistas a xornalistas que considera incómodas ou dá plantón a centos de miles de galegas e galegos televidentes ao non ir ao debate da TVE”, afirmou Queixas nun mitin no Hotel A Marisqueira este xoves que ofreceu canda as tamén candidatas Beatriz Pérez, Bea a de Estrella, e Iria Taibo.
Por vez primeira na historia das eleccións autonómicas, o candidato do partido no goberno non é o máis valorado, senón que o é a candidata da primeira forza da oposición, “unha Ana Pontón que mesmo é ben valorada por parte do electorado do PP”.
Mais tamén por vez primeira na historia o goberno do País é visto polas galegas e os seus galegos “como o cuarto principal problema da nosa sociedade”. “A xente está farta da mala xestión dos servizos públicos, de que non se dea solución á carestía da vivenda, de que non haxa unha política industrial digna de tal nome que impida a emigración de mozas e mozos altamente cualificados”, engadiu.
Queixas ve “síntomas clarísimos” de que o País vai pechar páxina. “Basta ver o crecente nivel de manipulación da TVG. Hai unha regra non escrita. Canta máis manipulación dos informativos da TVG, máis evidente o estado de pánico no que se atopa o PP, máis próxima está a súa derrota”, razoou.
“Ten razón o PP para ter entrado en pánico. A candidatura de Ana Pontón non só é a da Galiza nacionalista, galeguista e progresista, a da Galiza que quere cambio, senón que tamén está a atraer a persoas que en anteriores eleccións depositaron a súa confianza no PP. Esa confianza foi defraudada, polo que non é de estrañar que agora ollen para Pontón e o BNG”, concluíu.