Martín Pallín enche o Teatro das Torres cunha análise crítica da xustiza española

ACoruñaXa
O maxistrado presentou en Oleiros o seu libro 'Visto para sentencia. Jueces e ideología en la Justicia española' nun acto que abordou a relación entre poder xudicial, política e dereitos democráticos
OLEIROS pallin presentacion libro
29 May 2026

O Teatro das Torres de Santa Cruz quedou pequeno para escoitar a José Antonio Martín Pallín. O maxistrado, nado na Coruña en 1936 e unha das voces máis recoñecidas na análise crítica do sistema xudicial español, presentou en Oleiros o seu libro 'Visto para sentencia. Jueces e ideología en la Justicia española', publicado por Siglo XXI Editores.

A charla converteuse nunha reflexión ampla sobre a relación entre xustiza e política na España actual. Pallín estivo acompañado pola xornalista Isabel Bravo e polo alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, nun encontro no que repasou algúns dos debates xudiciais e políticos máis presentes nos últimos anos.

O maxistrado defendeu que unha parte da carreira xudicial exerce un poder con escasos controis e advertiu dos riscos que iso pode ter para o funcionamento democrático. Nese contexto, criticou episodios recentes nos que, ao seu xuízo, determinadas actuacións xudiciais entraron de cheo no terreo político.

Durante a conversa, Pallín lembrou tamén casos anteriores, como a condena ao expresidente do Parlamento Vasco Juan María Atutxa, posteriormente anulada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, e abordou a relación entre os tribunais e o independentismo catalán.

Outro dos puntos centrais da intervención foi a composición ideolóxica da xudicatura. Pallín sinalou que unha parte importante dos xuíces asociados está integrada en organizacións de orientación conservadora, un factor que, segundo explicou, inflúe na lectura de determinados procesos de forte impacto político.

A presentación tamén deu pé a falar de causas que, segundo o maxistrado, tiveron un efecto político aínda que acabasen arquivadas. Entre os exemplos citou o caso de Podemos e de Pablo Iglesias, así como outros procedementos vinculados ao actual escenario político estatal.

O acto rematou cun recoñecemento á traxectoria de Martín Pallín e á súa disposición a participar no debate público. García Seoane agradeceu a súa presenza en Santa Cruz e destacou o valor de abrir espazos de reflexión sobre o funcionamento das institucións e a calidade democrática.

0.14612197875977