Mariñas Coruñesas completa un plan turístico de 1,5 millóns con actuacións nos seus 17 concellos

ACoruñaXa
A Reserva de Biosfera pecha cun 100 % de execución o seu Plan de Sostibilidade Turística, que deixa novas infraestruturas de ecoturismo, mobilidade eléctrica e accesibilidade no territorio
senda-das-fervenzas-irixoa_zarzo
8 Aug 2026

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas completou a execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) “Destino de Ecoturismo familiar neutro en carbono”, unha iniciativa iniciada en 2021 que mobilizou finalmente máis de 1,5 millóns de euros para desenvolver actuacións vinculadas ao ecoturismo, á mobilidade sostible, á accesibilidade e á transición verde nos 17 concellos que integran o territorio.

O programa, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, quedou completamente executado, xustificado e pagado a 30 de xuño de 2026.

O orzamento inicial ascendía a 1,5 millóns de euros, pero a reinversión dos intereses xerados permitiu elevar a cantidade finalmente destinada ás actuacións ata os 1.509.021,43 euros. Ademais, os remanentes derivados dos procesos de contratación foron destinados a ampliar proxectos como a mellora da accesibilidade no litoral e a creación da Base Náutica.

O presidente da Reserva de Biosfera, José Antonio Santiso, destacou que o resultado foi posible grazas ao traballo de planificación e consenso desenvolvido desde 2021. As diferentes intervencións foron coordinadas cos 17 concellos, o empresariado turístico certificado, a masa social da entidade e outros axentes públicos e privados.

Entre os principais resultados figura a creación da Rede de Centros de Interpretación da Reserva de Biosfera, que permitiu tematizar e reactivar equipamentos de uso público en once municipios empregando o ecoturismo como eixo común.

Tamén se implantou a Rede Eco da Biosfera, formada por 17 puntos de recarga para vehículos eléctricos, un en cada concello. A empresa concesionaria compensará cada anualidade mediante proxectos de impacto positivo no territorio certificados pola propia Reserva.

No ámbito dos espazos naturais desenvolvéronse as Sendas Ecoturísticas da Biosfera, que permitiron recuperar a antiga ruta costeira entre Ponte do Porco e a Senda dos Sentidos, en Miño, ademais de acometer o acondicionamento paisaxístico das fervenzas do río Zarzo, en Irixoa.

Outra das principais liñas de intervención centrouse na accesibilidade do litoral. Neste apartado executáronse os pantaláns do río Mandeo, en Betanzos, e do Pedrido, en Bergondo, ademais da nova Base Náutica do Paseo da Tolerancia de Betanzos, destinada a favorecer o desenvolvemento de actividades relacionadas co ecoturismo.

O plan incluíu igualmente a capacitación dixital das empresas turísticas certificadas coa Marca de Calidade, unha plataforma de intelixencia turística destinada a favorecer a participación cidadá e a posta en marcha da primeira bolsa de proxectos para compensar a pegada de carbono xerada pola actividade turística.

As intervencións aplicaron criterios ambientais como sistemas de drenaxe sostible, integración paisaxística, utilización de especies vexetais autóctonas e medidas de eficiencia enerxética. Ademais, superouse o requisito de destinar polo menos o 35 % dos fondos a actuacións relacionadas coa transición verde, a sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a electromobilidade.

Mariñas Coruñesas destaca tamén que se trata do primeiro Plan de Sostibilidade Turística en Destino certificado en Galicia e do primeiro destino de ecoturismo certificado da comunidade. A entidade pretende agora aproveitar as infraestruturas e recursos creados como punto de partida para impulsar novos proxectos cos concellos e co tecido social e económico.

A Reserva de Biosfera mantén así a súa aposta por un modelo turístico ligado á conservación ambiental, cunha menor pegada ecolóxica e capaz de xerar actividade económica e oportunidades para a poboación dun territorio recoñecido internacionalmente pola UNESCO.

0.44605183601379