María Victoria Rivadulla Conde de Muxía, gaña o certame Bienal Balconadas 2024 de Betanzos

ACoruñaXa
“A moura do Mandeo” recibe o premio principal, mentres que “Ruinas de embarcadero” e “El camino de la Fe” logran accésits. O xurado outorga tamén cinco mencións de honra. As obras estarán expostas ata o 31 de agosto no centro histórico de Betanzos
Imaxe das obras gañadoras das Balconadas de Betanzos
1 Aug 2024
María Victoria Rivadulla Conde, de Muxía, coa súa obra “A moura do Mandeo”, correspondente á balconada número 48, resultou gañadora no certame de Balconadas 2024. O premio está dotado con 5.000 euros.

Outorgáronse tamén dous accésit, de 1.500 euros cada un. Un deles foi para a balconada número 60, titulada “Ruinas de embarcadero”, de Manuel Ángel Serantes Morán, de Ponferrada, e o outro para Carmen Muñoz Ortiz de Madrid coa balconada número 62, titulada “El camino de la Fe”.

Outorgáronse tamén cinco mencións de honra ás seguintes obras:

  • Balconada número 1, titulada “Tinta e acrílico sobre lenzo”, de María Álvarez Fernández, de A Coruña.
  • Balconada número 13, titulada “Marisma”, de Luisa Valdes Aguirre, de A Coruña.
  • Balconada número 33, titulada “Árbol”, de Cristina Sierra Villegas, de Vilagarcía de Arousa.
  • Balconada número 53, titulada “365 días en los que ordenar los jabones”, de Isabel Durá Castello, de Betanzos.
  • Balconada número 61, titulada “Cara ao mar”, de Pilar Cancio González, de A Coruña.

O xurado do certame de Balconadas de Betanzos percorreu as rúas do centro histórico para elixir o gañador deste ano entre 101 obras seleccionadas para “colgar” nos balcóns das rúas desta zona, converténdoas nun auténtico museo ao aire libre.

O xurado estivo composto por destacadas personalidades do mundo da arte, como María Isabel Pintado, presidenta e directora; Daniel Loza, secretario; e Alfonso Costa Beiro, María Jesús Rodríguez Díaz, Mª Inmaculada Doval Porto, Manuel Silvestre Visa e Julio Sanjurjo Aler, como vogais.

O xurado acordou outorgar os premios da VIII Bienal de pintura Balconadas por unanimidade, tendo en conta a calidade das obras en canto á técnica, orixinalidade e valor estético.

A entrega de premios terá lugar o 13 de agosto.

As obras, na súa maior parte procedentes das catro provincias galegas, tamén contan con presenza de diversas comunidades autónomas de España: Valencia, País Vasco, Cataluña, Madrid, Asturias e Canarias. Tamén chegaron balconadas desde varios países de Europa e Sudamérica.

As obras estarán expostas ata o 31 de agosto nos balcóns das rúas do centro histórico, e a Dirección da Bienal resérvase o dereito de ampliar o tempo de exposición.

0.16297793388367