Máis recursos para mellorar o apoio ás persoas coidadoras e á dependencia en Oleiros

O Concello de Oleiros porá en marcha un novo programa municipal de apoio ás persoas coidadoras e á atención á dependencia, ao que destinará 116.259,35 euros durante os próximos catro anos. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, busca reforzar o acompañamento ás persoas que coidan de familiares en situación de dependencia e mellorar a atención das persoas usuarias.
O servizo está orientado a reducir o impacto físico, emocional e social que supón asumir de forma continuada o coidado dunha persoa con enfermidades crónicas ou neurodexenerativas. Ao mesmo tempo, pretende favorecer a autonomía e a calidade de vida das persoas en situación de dependencia mediante actividades de estimulación cognitiva e participación social.
O programa estrutúrase en tres liñas de actuación. A primeira céntrase nas persoas coidadoras e inclúe os talleres terapéuticos 'Descubrindo emocións' e 'Coidando emocións', que se desenvolverán no Centro de Formación Isaac Díaz Pardo. O primeiro contará con tres edicións anuais de oito sesións semanais, mentres que o segundo ofrecerá ata vinte sesións quincenais ao longo do ano. En ambos os casos, os grupos estarán formados por un máximo de 15 participantes.
A segunda liña consistirá nun programa de estimulación cognitiva dirixido a persoas con alzhéimer ou outras enfermidades neurodexenerativas en fase inicial. O servizo, con capacidade para ata 15 usuarios, desenvolverase no Centro Cívico de Santa Cruz durante un máximo de 41 semanas ao ano, con dúas sesións semanais. Ademais de contribuír a manter as capacidades cognitivas e funcionais das persoas participantes, esta iniciativa ofrecerá períodos de descanso ás persoas coidadoras.
O programa completarase con 'O paseo dos sentidos', unha proposta que inclúe oito saídas anuais pola natureza para grupos de ata 15 persoas. Estas actividades están pensadas para fomentar a socialización, o benestar emocional e a creación de redes de apoio entre os participantes.
Con esta iniciativa, o Concello de Oleiros reforza os recursos municipais destinados ás familias e aposta por un modelo de atención integral que combina apoio emocional, formación e actividades orientadas a mellorar a calidade de vida tanto das persoas coidadoras como das persoas en situación de dependencia.