Máis dunha decena de asociacións veciñais integran a nova Xunta Directiva da Federación Veciñal da Coruña e Área Metropolitana

A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana celebrou este venres, ás 20.00 horas, as súas Asembleas Xerais Ordinaria e Extraordinaria no seu local do Centro Cívico Municipal do Birloque. Durante a sesión abordáronse cuestións relacionadas co estado de contas da entidade, a memoria de actividades desenvolvidas ao longo do último ano e diferentes propostas orientadas á optimización da xestión económica da organización.
A continuación, na Asemblea Xeral Extraordinaria, procedeuse á elección da nova Xunta Directiva da Federación, que foi aprobada por unanimidade dos asistentes.
A nova dirección da entidade estará integrada por representantes de máis dunha decena de asociacións veciñais da cidade e da súa área metropolitana, reforzando así o carácter plural e participativo da Federación.
Entre as entidades representadas atópanse as asociacións veciñais A Barcarola, de Catro Camiños; Os Anxos, de San Cristóbal das Viñas; Ventorrillo; Entre Rondas; O Gaiteiro, de Sigrás; Peruleiro-Mariñeiros; Os Nosos Lares, de Palavea; Oza-Gaiteira-Os Castros; Os Mallos Plataforma; Matogrande; e Uxío Carré, de Eirís.
Coa renovación da súa Xunta Directiva, a Federación inicia unha nova etapa na que buscará seguir fortalecendo a representación do movemento veciñal e a coordinación entre as distintas asociacións que forman parte da entidade, impulsando a defensa dos intereses da veciñanza da Coruña e da súa área metropolitana.