Máis dun millón de euros para melloras nas parroquias e no polígono de Bergondo

Bergondo levará este xoves, 28 de maio, ao pleno ordinario unha modificación de crédito por importe de 1.105.893,52 euros para financiar novas actuacións en infraestruturas e servizos públicos. A proposta cubrirase con remanente municipal e tramitarase mediante suplementos de crédito e créditos extraordinarios.
A partida permitirá reforzar investimentos en diferentes parroquias e tamén no parque empresarial, con actuacións centradas en redes de saneamento, abastecemento de auga, alumeado público, melloras viarias e conservación de espazos públicos.
Un dos proxectos destacados será a recuperación da entrada, da zona oeste e do bosque do Pazo de Baldomir. A intervención executarase en dúas fases e busca mellorar a proposta inicial incorporada aos orzamentos participativos, coa intención de recuperar un espazo de valor patrimonial e ambiental.
No polígono industrial, os fondos permitirán actuar nas rúas Rois e Moruxo, onde se prevé o asfaltado e a regularización dos pasos de peóns. Tamén se inclúe a ampliación da calzada na rúa Lubre para facilitar a circulación segura de camións, así como o acondicionamento dunha parcela en Guísamo destinada á futura reubicación da nave de servizos municipais.
A modificación de crédito tamén servirá para financiar a achega municipal a proxectos que contan con axudas doutras administracións. Entre eles figuran reparacións de camiños rurais en Fiobre, Montecelo, San Vitorio e Babío, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Outras actuacións previstas son a execución da rede de saneamento en Fiobre, unha vez rematadas as expropiacións, a reparación da rede en San Paio, o arranxo dun afundimento viario na estrada de Cangas cara á glorieta de Gandarío e a instalación de novas biondas de seguridade.
O pleno tamén abordará a aprobación do proxecto de actuación en camiños das parroquias de Bergondo, Moruxo, Vixoi, Guísamo, Cortiñán, Rois e Babío. Esta actuación está incluída no Plan Único de Concellos 2026 da Deputación da Coruña e eleva o seu orzamento ata os 578.519,92 euros, polo que o Concello achegará a diferenza necesaria a través da modificación xeral.
Na mesma sesión está prevista a aprobación definitiva do Plan de Actuación Municipal 2026. O documento inclúe actuacións como a adecuación e reforzo de arcenes no vial que conecta Gandarío, Cangas e Casal de Ouces, cun orzamento superior aos 512.000 euros. Tamén recolle melloras nos pasos sobre os regatos Maior, Cabanés e Callou, a reparación da drenaxe no Camiño dos Balseiros e saneamento en O Vilar.
A orde do día completarase coa regularización lingüística da toponimia local para adaptar o rueiro municipal ao Nomenclátor oficial da Xunta de Galicia. A actualización afectará a pequenas variantes en vías e núcleos como Rúa Nova, en Guísamo, Moruxo (San Vicenzo) e San Vitorio, en Vixoi.