Máis dun cento de espectáculos pechan unha tempada cultural de récord en Sada

A Concellería de Cultura de Sada pechou a tempada 2025/26 do auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns cun balance moi positivo. O último espectáculo celebrouse o pasado sábado cunha proposta de bailes de todo o mundo, que serviu como broche final a meses de intensa actividade cultural.
Entre setembro de 2025 e xuño de 2026, o espazo acolleu máis dun cento de espectáculos e actividades, cunha asistencia media superior ao 90% do aforo. A programación destacou pola súa variedade e pola capacidade de atraer públicos diversos, desde escolares ata familias, afeccionados ao teatro, á música ou ás propostas escénicas para público adulto.
Ao longo da tempada celebráronse 12 funcións para público escolar, 18 actuacións musicais, 5 graduacións escolares, 20 espectáculos infantís e familiares, 7 galas de entrega de premios e 25 funcións teatrais dirixidas ao público adulto.
A maior parte da oferta cultural foi de balde para a cidadanía, agás as oito contratacións realizadas ao abeiro do convenio coa Agadic, que tamén tiveron unha excelente resposta do público e esgotaron as entradas dispoñibles na billeteira.
Coa tempada de auditorio xa rematada, o departamento municipal centrará agora os seus esforzos na programación festiva de rúa durante os próximos meses. A Concellería de Cultura xa traballa tamén na nova tempada da Casa da Cultura, que abrirá a mediados de setembro con novas propostas.