Máis de 770 maiores xa participaron nas actividades de envellecemento activo de Oleiros, que abren este xoven a inscripción

ACoruñaXa
O prazo para incorporarse aos grupos de ximnasia, ioga, relaxación e memoria abrirase o 1 de outubro e permanecerá activo ata o día 7
OLEIROS actividades maiores
30 Sep 2026

Un total de 774 persoas maiores de 65 anos xa retomaron as actividades de envellecemento activo organizadas polo Concello de Oleiros, que inclúen propostas de ximnasia, ioga, relaxación e talleres de memoria.

As persoas que estean interesadas en incorporarse aos grupos que xa están en funcionamento poderán formalizar a súa inscrición desde este xoves 1 de outubro ata o mércores 7 de outubro. Para facelo, deberán chamar polas tardes ao teléfono 981 610 000, entre as 16.00 e as 19.00 horas, ou realizar o trámite a través da páxina web municipal.

As listas de adxudicación de praza e de reserva publicaranse o 9 de outubro. Ademais, no caso de que exista unha demanda elevada nunha determinada localidade, o Concello analizará a posibilidade de crear un novo grupo para atender as solicitudes.

Actividades en nove localidades

A oferta de ximnasia esténdese por Perillo, Santa Cruz, Mera, Lorbé, Nós, Iñás, Dorneda, Montrove e Oleiros.

Pola súa banda, os talleres de memoria desenvólvense en Perillo, Santa Cruz, Mera, Dexo, Nós, Iñás, Dorneda, Montrove e Oleiros.

No caso das actividades de ioga e relaxación, os grupos están dispoñibles en Perillo, Santa Cruz, Mera, Dorneda, Nós e Oleiros.

Con esta nova convocatoria, as persoas maiores de 65 anos que aínda non formen parte dos grupos poderán solicitar unha praza nas actividades que se desenvolven nas distintas localidades do municipio.

0.14811587333679