Máis de 50 efectivos velarán pola seguridade durante o eclipse solar en Arteixo

O Concello de Arteixo activará un dispositivo especial de mobilidade, seguridade e emerxencias con motivo do eclipse solar previsto para o próximo 12 de agosto, unha cita astronómica excepcional para a que se agarda unha importante chegada de visitantes aos principais puntos de observación da costa.
O operativo estará integrado por máis de 50 efectivos entre Policía Local e Protección Civil, que velarán pola seguridade durante toda a xornada. Ademais, instalarase un Posto de Mando Avanzado na costa desde o que se coordinarán todos os servizos implicados e se realizará un seguimento en tempo real para responder con rapidez ante calquera incidencia.
Como parte das medidas previstas, o Concello cortará ao tráfico rodado os accesos ás praias e ao parque de Monticaño a partir das 16.00 horas. A circulación volverá restablecerse de forma progresiva ás 21.30 horas, unha vez rematado o fenómeno astronómico.
O obxectivo destas restricións é garantir a seguridade nas zonas con maior concentración de persoas, facilitar o acceso dos servizos de emerxencia e evitar problemas de circulación derivados da elevada afluencia prevista.
O Goberno local recomenda acceder a pé ao paseo marítimo e aos diferentes puntos de observación, utilizando preferentemente os itinerarios peonís existentes. Entre eles destaca o paseo fluvial, que conecta o núcleo urbano de Arteixo co paseo marítimo, permitindo un desprazamento cómodo e seguro, afastado do tráfico.
Ademais, o Concello reforzará o servizo de socorrismo nas praias, que permanecerá operativo ata as 22.00 horas para ofrecer unha maior cobertura durante as horas de máxima afluencia e ata a finalización do dispositivo especial.
Desde o Concello fan un chamamento á colaboración cidadá para que a xornada transcorra con normalidade, pedindo que se respecten as indicacións da Policía Local e de Protección Civil, que se planifiquen os desprazamentos con antelación e que se prioricen os percorridos a pé sempre que sexa posible.