Máis de 5.000 bocadillos vendidos na Festa do Pan de Carral

A XXII Festa do Pan de Carral pechou unha nova edición cun balance positivo e máis de 5.000 bocadillos cardiosaudables vendidos durante a fin de semana. A celebración, organizada polo Concello e pola Asociación de Panadeiros, volveu atraer milleiros de persoas ao municipio arredor dun dos seus produtos máis recoñecidos.
A concelleira de Comercio, Isabel López, destacou a boa acollida da cita 'sobre todo, tendo en conta que o tempo non acompañou'. A edil subliñou que, malia as previsións meteorolóxicas adversas, a festa conseguiu reunir un público numeroso e reforzar o seu papel como un dos eventos gastronómicos de referencia na comarca.
O punto de venda do bocadillo cardiosaudable foi un dos grandes atractivos da programación, xunto cos talleres infantís, que completaron todas as prazas dispoñibles. Especialmente concorridos foron os obradoiros de elaboración de bolos, nos que se formaron colas durante o sábado e o domingo.
Tamén tiveron unha moi boa resposta os talleres de xoguetes de madeira e pulseiras de coiro, que reuniron arredor de 100 nenos e nenas cada día. A programación completouse con música, teatro e espectáculos de animación na rúa, pensados para públicos de todas as idades.
López quixo recoñecer o traballo dos panadeiros e panadeiras, aos que atribuíu boa parte do éxito da festa. A concelleira lembrou que detrás das cifras desta edición está 'o esforzo que realizan os artesáns e artesás para manter os seus negocios e preparar unha Festa do Pan que segue crecendo edición tras edición'.