Máis de 30 deportes tomarán o Paseo Fluvial de Arteixo nunha nova festa do deporte na rúa

ACoruñaXa
O Concello celebrará este domingo, 28 de xuño, o XXIII Día do Deporte na Rúa con actividades para todas as idades, exhibicións e sorteos
ARTEIXO deporte na rua
24 Jun 2026

O Paseo Fluvial de Arteixo converterase este domingo, 28 de xuño, nun gran espazo deportivo ao aire libre coa celebración do XXIII Día do Deporte na Rúa, unha cita organizada polo Servizo Municipal de Deportes coa colaboración de numerosas entidades deportivas do concello.

A actividade desenvolverase entre as 11.00 e as 14.00 horas e reunirá máis de 30 modalidades deportivas dirixidas a todas as idades. O obxectivo é fomentar hábitos de vida saudables e achegar a práctica deportiva á cidadanía, tanto a través das disciplinas máis coñecidas como doutras menos habituais ou consideradas minoritarias.

Para facer posible esta xornada participarán máis de 100 monitores pertencentes ás diferentes entidades colaboradoras. Durante a mañá tamén haberá exhibicións das Escolas Deportivas Municipais e de varios clubs locais.

O programa incluirá actividades no anfiteatro, con propostas como ximnasia para a terceira idade, ioga, escola de espalda, ximnasia de mantemento, zumba, pilates, voleibol e atletismo. Na praza do Balneario haberá exhibicións de Judo Club Arteixo, Eduka Judo e Gimnasia Arteixo.

A xornada rematará arredor das 14.00 horas co sorteo de agasallos cedidos polas empresas patrocinadoras, nun evento que cada ano reúne deporte, convivencia e participación veciñal nun dos espazos máis concorridos do municipio.

0.12712788581848