Máis de 180.000 euros para ampliar o saneamento no rural de Paderne

ACoruñaXa
O Concello adxudicou a Hidrantia as obras da nova rede na Calzada, que terán un prazo de execución de catro meses
PADERNE concello
10 Jun 2026

O Concello de Paderne vén de adxudicar as obras de mellora da rede de saneamento no lugar da Calzada, unha actuación que permitirá dar resposta ás necesidades de canalización e tratamento de augas residuais deste núcleo.

A intervención foi contratada coa empresa Hidrantia Gestión Integral del Agua por un importe total de 180.750,62 euros. Os traballos financiaranse a través do Plan Único POS+ 2025 da Deputación da Coruña e está previsto que comecen de xeito inminente.

A actuación permitirá construír unha nova rede de saneamento para mellorar os servizos básicos da zona e garantir unhas condicións axeitadas de salubridade para a veciñanza. O proxecto tamén supón un avance na protección ambiental, ao favorecer unha xestión máis segura das augas residuais e reducir riscos de contaminación no subsolo.

O alcalde, Sergio Platas, destacou que levar o saneamento aos lugares nos que aínda é necesario continúa a ser unha prioridade para o Goberno local. Segundo sinalou, estas obras permiten modernizar os servizos públicos no rural e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

A empresa adxudicataria disporá dun prazo de catro meses para executar a totalidade das canalizacións previstas sobre o terreo.

0.12061595916748