Máis de 130.000 euros para mellorar o abastecemento de auga en Montaos

ACoruñaXa
Ordes licita a construción dun novo depósito e dun grupo de presión con catro electrobombas na parroquia de Santa Cruz de Montaos
ORDES bombeo montao
28 Sep 2026

O Concello de Ordes puxo en marcha a licitación das obras destinadas a mellorar o abastecemento de auga na parroquia de Santa Cruz de Montaos, cun proxecto que conta cun orzamento de 130.257,88 euros.

A actuación contempla a construción dun novo depósito de auga de formigón armado, con 10,3 metros de longo, 5,3 metros de ancho e 2,8 metros de altura. Xunto a el instalarase un grupo de presión cun caudal de 30 metros cúbicos por hora, equipado con catro electrobombas. Tres delas estarán en funcionamento e a cuarta quedará como reserva.

O sistema estará situado nunha construción realizada con muros de bloques, de 4,5 metros de ancho, 3,5 metros de longo e 2,8 metros de altura. O proxecto tamén inclúe a instalación de escaleiras metálicas para acceder ao depósito e unha caseta anexa de 4,5 metros de ancho, 2 metros de longo e 1,9 metros de altura.

As obras incorporan ademais as instalacións eléctricas necesarias para garantir o funcionamento e a iluminación do conxunto, así como a correspondente valvulería e calderería. Tamén se executará un by-pass coa rede existente, que permitirá manter unha vía alternativa de funcionamento cando sexa necesario realizar labores de mantemento ou reparar posibles avarías.

As empresas interesadas en presentar ofertas dispoñen de prazo ata o 21 de outubro de 2026. A convocatoria foi publicada o pasado 25 de setembro na Plataforma de Contratación do Sector Público.

A actuación busca reforzar a infraestrutura de abastecemento e mellorar o funcionamento da rede de auga na parroquia de Santa Cruz de Montaos mediante a incorporación dun novo depósito e dun sistema de impulsión con equipamento de reserva.

0.13743305206299