Máis de 120 xogadores de xadrez competirán no 'II Open Internacional José Antonio Ferreño' en Culleredo

ACoruñaXa
O torneo, organizado polo Club Escola Xadrez Culleredo, terá lugar este domingo en Rutis Vilaboa e repartirá máis de 500 euros en premios
open xadrez culleredo
29 Nov 2024

Este domingo, 1 de decembro, o Centro Social Cultural e Recreativo de Rutis Vilaboa converterase no escenario do II Open Internacional José Antonio Ferreño de xadrez, unha cita que congregará a máis de 120 xogadores de distintas idades e procedencias. O torneo, organizado polo Club Escola Xadrez Culleredo en colaboración co Concello, comezará ás 11:00 horas coa presentación oficial.

Trátase dun torneo de xadrez rápido válido para ELO FIDE e aberto a xogadores de todas as idades. Ata o momento hai inscritos 126 participantes, que competirán baixo o sistema suízo en oito roldas, a primeira delas ás 11:15 horas e a última ás 19:00 horas. Ao remate desta última partida procederase á entrega de premios.

Os tres primeiros clasificados recibirán trofeos e premios en metálico: 300 euros para o primeiro posto, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro. Ademais, haberá recoñecementos para o cuarto e quinto clasificado e nas categorías feminina, veterano e veterana (maiores de 55 anos) e sub14 (masculino e feminino). Todos os participantes sub14 serán premiados cunha medalla.

Aqueles interesados en obter máis información ou inscribirse poden facelo ata o sábado 30 de novembro chamando aos números 680 920 562 ou 669 53 69 65, ou consultando a páxina web.

0.15020799636841