Máis de 1.400 persoas participaron na oitava romaría anual de Alternativa dos Veciños en Oleiros

ACoruñaXa
A formación reuniu simpatizantes e veciñanza en San Pedro de Nós e anunciou que volverá presentar candidaturas nas eleccións municipais de 2027
romaria-anual-alternativa-dos-veciños-oleiros
12 Jul 2026

A Finca Tenreiro, en San Pedro de Nós (Oleiros), acolleu este sábado a oitava edición da romaría anual de Alternativa dos Veciños, unha cita que, segundo a formación, reuniu a máis de 1.400 persoas nunha xornada de convivencia, participación e agradecemento ás persoas que apoian o seu proxecto político.

A romaría desenvolveuse nun ambiente festivo e incluíu música en directo, actividades dirixidas á infancia e un xantar popular no que participaron familias, simpatizantes e veciñanza chegada de distintos puntos da comarca.

Durante o encontro, Alternativa dos Veciños asegurou que concorrerá ás próximas eleccións municipais, previstas para maio de 2027, co obxectivo de consolidar o modelo de xestión que desenvolve en Oleiros e continuar estendendo o seu proxecto político aos concellos nos que xa ten presenza.

A formación sinala que volverá presentar candidaturas en municipios como Bergondo, Cambre, Culleredo, Arteixo, A Coruña, Cangas, Carral e Fisterra.

Na actualidade, Alternativa dos Veciños goberna en Oleiros, cogoberna en Bergondo e conta con representación institucional en Cambre, Culleredo, Cangas, Arteixo e A Coruña.

Na nota remitida aos medios, a formación afirma tamén que nesta lexislatura obtivo as alcaldías de Carral e Fisterra, pero sostén que ambos os proxectos “foron interrompidos por mocións de censura golpistas que alteraron a vontade expresada nas urnas e impediron dar continuidade ó proxecto avalado pola cidadanía”.

0.09542989730835