Máis de 1.100 prazas impulsan as escolas municipais de artes escénicas de Oleiros

ACoruñaXa
O Concello mantén aberto ata o 28 de abril o prazo para o novo alumnado das escolas de música, danza e teatro do vindeiro curso
OLEIROS danza
24 Apr 2026

O Concello de Oleiros abriu o prazo de matrícula para o novo alumnado das escolas municipais de música, danza e teatro, unha oferta formativa coa que volve reforzar a súa aposta pola educación artística entre a mocidade. Para o vindeiro curso poranse á disposición da cidadanía un total de 1.165 prazas, distribuídas entre os tres centros municipais.

Desde o goberno local subliñan a importancia de continuar apoiando desde as administracións públicas a educación, a cultura e a arte, especialmente nun contexto social no que consideran máis necesario ca nunca fomentar espazos de formación e desenvolvemento persoal. Nesa liña, o Concello leva décadas promovendo diferentes actividades, entre as que destacan estas tres escolas artísticas.

As persoas interesadas en acceder a algunha das prazas poderán formalizar a matrícula ata o 28 de abril. A información detallada sobre a convocatoria está dispoñible na páxina web municipal.

Para resolver dúbidas ou realizar consultas, o Concello habilita tamén o correo electrónico ensino@oleiros.org, ademais dos teléfonos 981 639 688 do Centro Municipal de Artes Escénicas e 981 639 143 da Escola Municipal de Música.

0.1431519985199