Luar Na Lubre levará a celebración dos seus 40 anos ao XXV Guísamo Folk

O XXV Guísamo Folk contará este sábado 22 de agosto coa actuación de Luar Na Lubre, que incorporará o festival á xira nacional e internacional coa que a formación está a conmemorar os seus 40 anos de traxectoria musical. O concerto terá lugar no Campo da Feira de Guísamo ás 23.30 horas.
Considerada unha das formacións de referencia da música celta e tradicional, a banda chegará a Guísamo cun novo traballo discográfico baixo o título ‘LUBRE. 40 aniversario’. Trátase dun audiolibro que reúne 13 temas inéditos e 30 colaboracións.
A presenza de Luar Na Lubre no festival coincidirá coa celebración do seu vixésimo quinto aniversario. Ao longo das súas catro décadas de actividade, o grupo publicou 21 discos, dos que vendeu máis de 400.000 exemplares, e conseguiu dous Discos de Ouro e nove Premios da Música.
A formación recibiu ademais recentemente a Medalla Castelao 2025 da Xunta de Galicia polo seu percorrido na promoción da cultura galega. Durante estes 40 anos, Luar Na Lubre realizou máis de 2.500 concertos en máis de 60 países, levando a súa interpretación da música de raíz a escenarios de distintos lugares do mundo.
O grupo combina o respecto pola tradición cunha perspectiva contemporánea, unha fórmula coa que conseguiu ampliar a difusión da música galega máis alá das fronteiras.
A actuación no Guísamo Folk está chamada a ser un dos momentos destacados da vixésimo quinta edición do festival, que contará co cartel de concertos máis amplo da súa historia e combinará propostas vinculadas á tradición con outras de carácter contemporáneo.