Lía Celemín, a música como forma de vida: 'Non fago música para vender, fágoa porque é unha maneira de vivir'

Aos sete anos, Lía Celemín xa comezaba a construír a súa relación coa música. Medrou nunha familia na que esta sempre estivo presente e iniciou a súa formación no coro de nenos da Sinfónica de Galicia, antes de acceder ao Conservatorio de Música para estudar piano. Co paso dos anos, a súa paixón foi medrando ata converterse nunha parte esencial da súa vida. Agora, baixo o nome artístico de Liichi Music, traballa nas súas propias composicións e busca abrirse camiño cun proxecto que non entende de etiquetas nin dun único estilo musical.

A súa formación inicial estivo vinculada á música clásica, pero chegou un momento no que sentiu a necesidade de ampliar horizontes. Quería coñecer outros xéneros, experimentar e atopar novas formas de expresarse. Esa inquietude levouna a crear Jaleo de Lía, un grupo co que leva arredor de cinco ou seis anos e no que comezou a interpretar cancións de rumba, boleros e outros estilos, adaptándoos á súa personalidade.
A experiencia serviulle para descubrir outras posibilidades musicais e, sobre todo, para perder o medo a explorar. A día de hoxe, ese espírito continúa presente no proxecto que está a desenvolver, no que combina a composición de temas propios coa vontade de aprender de diferentes sonoridades. Ten cancións de ska, bachata, rumba e merenguetón, entre outras propostas, e non quere encadrarse nun único xénero.
'Teño a sorte de ser unha persoa bastante versátil a nivel musical e gustaríame poder tocar un pouco de todo para crecer e nutrirme deste mundo e dos seus estilos', explica. A súa intención non é imitar a outros artistas nin seguir unha fórmula comercial, senón aproveitar o que cada xénero lle transmite para construír unha proposta persoal.
Compoñer a partir do que sente
Aínda que se define como unha persoa extrovertida, Lía recoñece que lle custa expresar verbalmente os seus sentimentos e abrirse completamente ante os demais. Por iso, a música converteuse nunha maneira de comunicar aquilo que ás veces non consegue explicar cunha conversa. O seu proceso creativo comeza con frecuencia coa guitarra e cunha melodía que aparece de forma espontánea; despois, as emocións van marcando o camiño da composición.
'Segundo o que sinto, escribo dunha maneira ou doutra', explica. Non parte dun patrón fixo nin busca reproducir o estilo dun cantante concreto. Prefire escoitar, quedar co que lle transmite cada proposta e transformalo desde a súa propia perspectiva. As letras poden nacer de sentimentos alegres ou tristes, de experiencias vividas ou de historias inventadas. Ás veces, mesmo recorre ao humor para falar das dificultades cotiás.
Un exemplo é 'Lo que me salva', unha rumba que compuxo despois dun ano especialmente complicado. A canción aborda as desgrazas do día a día cun toque de humor, unha maneira de transformar as experiencias difíciles nun relato musical. A resposta do público foi unha das satisfaccións que lle deixou o tema: persoas que regresan aos seus concertos, que xa coñecen a letra e que se senten identificadas co que conta.
Para Lía, esa conexión é máis importante ca conseguir que o público simplemente baile ou aplauda. 'O bonito é que alguén veña dicirche que pasou un mal día, que te escoitou e que lle alegraches a xornada', sinala. Saber que unha canción pode acompañar outra persoa ou contribuír a mellorarlle o día é unha das experiencias que máis valora da súa carreira.
Cancións para contar historias

A súa música tamén lle permite formar parte de momentos importantes na vida doutras persoas. Ademais de actuar en locais, escenarios e celebracións como vodas ou bautizos, Lía recibe encargos privados nos que adapta o seu traballo ás necesidades de cada ocasión.
Unha das experiencias máis especiais comezou nas redes sociais, cando un home que a seguía contactou con ela para pedirlle unha canción coa que solicitar matrimonio á súa parella. El contoulle a súa historia e ela transformouna nunha composición personalizada. Despois, nunha praia, interpretou a canción diante da parella e da súa cadela mentres el lle pedía matrimonio. Tempo despois, volveu recibir unha chamada: esta vez, para cantar tamén na voda.
'Ao final, creas momentos que son teus, pero que pasan a ser da xente. É moi reconfortante', lembra. Para ela, experiencias así demostran que a música pode ir máis alá do escenario e converterse nunha parte da memoria persoal doutras persoas.
Un proxecto propio con arredor de vinte temas
Agora, Lía céntrase en dar forma ao seu proxecto musical individual. Aínda que continúa vinculada a Jaleo de Lía, distingue este traballo do camiño que está a desenvolver como Liichi Music, unha etapa na que aposta especialmente polas composicións propias. Xa ten arredor de quince ou vinte temas escritos e traballa desde a casa para poder gravalos e publicalos progresivamente.
Un dos seus lanzamentos recentes é 'Marea de Verano', un merenguetón cuxo videoclip gravou en xullo. Foi a primeira vez que se puxo diante dunha cámara para gravar un videoclip e a experiencia tivo un significado especial, tamén polo apoio das persoas que participaron nel. A maioría eran amizades que a acompañan desde hai tempo e que, segundo conta, contribuíron a facer posible o proxecto. A canción está a ter unha boa acollida e permitiulle experimentar cun estilo ao que non estaba tan afeita.
A súa actividade musical abrangue actuacións en diferentes espazos e localidades, alí onde xorden oportunidades. Ademais dos concertos en locais e eventos privados, comeza a recibir contratacións para citas de maior dimensión, incluídos eventos organizados polos concellos da Coruña e Oleiros. Tamén lle propuxeron desprazarse a Madrid nalgunha ocasión.
O seu obxectivo é continuar medrando e chegar a escenarios máis grandes, pero sen perder o control sobre a súa identidade artística. Aínda que desfruta interpretando versións, quere que as súas propias cancións gañen protagonismo e que o público poida recoñecer nelas unha maneira persoal de entender a música.
'Non fago música para vender. Fágoa porque é unha maneira de vivir', afirma. É unha declaración que resume a súa forma de afrontar este camiño: traballar, experimentar e aproveitar as oportunidades, sen converter a creación musical nunha fórmula pensada unicamente para agradar ao público.
De cara ao futuro, aspira a chegar lonxe, aínda que é consciente de que a carreira musical require constancia, traballo e tamén persoas que aposten polo proxecto. O seu soño é cantar para milleiros de personas, sempre sendo fiel a si mesma, á súa música e á xente que a rodea.
A hípica, a outra gran paixón

A música non é a única actividade que ocupa un lugar central na vida de Lía. Desde hai anos está vinculada ao mundo da equitación, no que traballou como monitora, foi amazona profesional e continúa competindo tanto a nivel local como nacional. Esta paixón está relacionada tamén co nome do seu grupo, xa que Jaleo é o nome do seu cabalo.
A conexión entre as dúas disciplinas vai máis alá dunha afección compartida. Nas competicións de doma musical, combina a equitación coa música mediante a preparación dunha coreografía a cabalo. É unha forma de reunir dous mundos que forman parte da súa identidade e que procura manter presentes no seu día a día.
Defínese como unha persoa activa, á que lle gusta saír, coñecer xente, estar en contacto cos animais e probar experiencias novas. Tamén lle atraen os retos e a posibilidade de poñerse a proba, sempre desde o respecto. Esa disposición a experimentar é a mesma que traslada ao seu traballo musical, no que continúa aprendendo instrumentos e explorando novos estilos.
Entre o piano co que comezou, a guitarra coa que compón e o acordeón que tamén toca, Lía segue ampliando os seus coñecementos e traballando nas cancións que aínda ten pendentes de gravar. O camiño de Liichi Music está en construción, pero a intención está clara: seguir creando, chegar a máis público e construír unha carreira propia sen renunciar ao que a levou ata aquí.