La Vuelta concede á Coruña o selo Más Bici, polo seu compromiso co uso

A Coruña vén de ser recoñecida co distintivo «Más Bici», que outorga La Vuelta, en recoñecemento aos avances experimentados pola cidade á hora de apostar pola mobilidade sostenible, promocionando o uso cotián da bicicleta como medio de transporte no día a día.
A candidatura da Coruña, que foi meta da terceira etapa de La Vuelta Femenina en maio deste ano, foi presentada polo Concello e valorada positivamente por un xurado de persoas expertas en políticas ciclistas, integrado por representantes da Red de Ciudades y Territorios por la Bicicleta (RedBici) e a consultora internacional Copenhagenize.
Neste sentido, o selo «Más Bici» naceu o ano pasado coa inclusión das cinco primeiras cidades en recibir esta distinción: Barcelona, Bilbao, Madrid, Valladolid e Zaragoza. Agora, A Coruña súmase a outras 17 localidades do país que obtiveron este recoñecemento, comunicado formalmente ao Concello esta semana.
Na avaliación das candidaturas presentadas, o xurado estudou as accións desenvolvidas por cada sede de La Vuelta en favor da bicicleta, sobre cinco eidos clave: gobernanza, infraestruturas, servizos e educación, deporte e turismo. No caso da urbe herculina, o informe de La Vuelta reflicte que a cidade progresa cara a mobilidade sostible grazas ao éxito consolidado do servizo municipal BiciCoruña e a declaración da Coruña como Cidade 30, que regula a convivencia viaria.
Ademais, o dito informe destaca as boas prácticas existentes en materia de educación e concienciación, con programas formativos como a Escola da Bici, da asociación Mobi-liza, o apoio prestado desde áreas municipais como Deportes, que promoven a organización de competicións federadas e marchas populares, e tamén a estratexia existente en materia de turismo, como a conexión segregada do carril urbano co Camiño Inglés.
A alcaldesa, Inés Rey, valorou moi positivamente a concesión deste selo, "que supón un pulo moi destacado para avanzar na liña de traballo destes últimos anos", sustentada en tres eixos clave: o incremento das infraestruturas ciclables -en seis anos duplicouse a rede existente na cidade por riba dos 53 quilómetros-, a renovación de BiciCoruña -que conta agora con 79 bases operativas entre os diversos barrios da cidade- e a actualización das normativas de mobilidade anteriormente vixentes.