Jorquera ve na renuncia ao Mundial a 'crónica dunha morte anunciada'

ACoruñaXa
O portavoz do BNG na Coruña sostén que o proxecto estivo mal enfocado desde o inicio e reclama transparencia na nova etapa aberta tras a retirada da candidatura e o acordo para reformar Riazor
Jorquera BNG Coruña
16 Mar 2026

A renuncia da Coruña a optar como sede do Mundial 2030 xa atopou resposta no BNG. O portavoz nacionalista no Concello, Francisco Jorquera, cualificou a decisión como a consecuencia lóxica dun proceso que, ao seu xuízo, estivo mal xestionado desde o primeiro momento. A retirada da candidatura foi anunciada este luns polo goberno local no marco dun novo acordo co Deportivo e Abanca para impulsar a modernización do complexo deportivo de Riazor.

Jorquera sostén que o executivo de Inés Rey deixou para o final o que debería ter sido o punto de partida, un entendemento co Deportivo como principal usuario do estadio. Na súa valoración, o proxecto avanzou sen que se coñecesen con claridade cuestións esenciais como o financiamento, o encaixe real da actuación ou as condicións que debían facer viable a candidatura.

Desde o BNG, a crítica céntrase tamén na falta de información ofrecida durante todo o proceso. O portavoz nacionalista demanda que esa opacidade non se repita agora na nova fase que se abre para Riazor e defende que tanto a corporación como a cidadanía coñezan con detalle os termos de calquera acordo entre o Concello e o club.

A formación nacionalista ve con bos ollos que Concello e Deportivo busquen agora un punto de encontro para mellorar o estadio e o conxunto das instalacións deportivas da contorna, pero insiste en que esa vía debe estar guiada pola claridade e polo interese xeral. Para Jorquera, o debate xa non pode limitarse a pechar a etapa frustrada do Mundial, senón a garantir que os futuros investimentos resulten realmente beneficiosos para a cidade.

O PP sumouse tamén ás críticas pola renuncia do Mundial. O seu portavoz, Miguel Lorenzo, acosou a Inés Rey de leva a A Coruña 'da máxima ilusión á máxima decepción' e reclamou explicacións polo fracaso da candidatura que o goberno local vendera como un proxecto para a cidade.

 

0.12032914161682