Jorge Río gaña por terceira ocasión o premio á “Mellor tortilla caseira” en Betanzos

Jorge Rio Cortés resultou gañador hoxe, por terceira vez, do premio á “Mellor tortilla caseira” que se outorga durante a Semana da Tortilla de Betanzos e á que se presentaron 13 participantes, a edición que contou con máis participación. O xurado, presidido pola varias veces gañadora da mellor tortilla de Betanzos e que este ano anunciou a súa retirada, Pepa Miranda, de Casa Miranda, e por representantes de ACEBE, da Reserva da Biosfera e de Lar de Unta, elixiu a tortilla presentada por Jorge Rio por diante das de Pablo Tomé Crespo, que quedou en segunda posición, e Inés Muller Guevara, que quedou terceira. Os membros do xurado destacaron o nivel das tortillas presentadas este ano e a dificultade á hora de elixir as tres mellores.
O concurso foi seguido por numeroso público que encheu o salón azul do edificio Liceo e que gozou dunha final moi igualada. O gañador, Jorge Rio, recibiu un trofeo conmemorativo e un lote de produtos do patrocinador “Aceites Abril” e do Concello; para o segundo e o terceiro premio tamén houbo lotes de produtos do patrocinador e do Concello.
Por outra banda, mañá domingo, o último día da Semana da Tortilla, terá lugar a final ás 12.00 horas, retransmitida polas canles de comunicación do Concello (YouTube e redes sociais), na que cinco locais hostaleiros se xogarán o premio á mellor tortilla deste ano: Adega Lastras; Mesón Café de Segundo; Restaurante Casanova; Mesón Avenida; e Bar O Rabel.
Son cinco dos 12 locais de hostalaría que este ano participaron no programa de exaltación da Tortilla, que cumpre a súa XVI edición: Adega Lastras, Tortilla y Punto, Café Banca, A de Pedro Panadería, Mesón Café de Segundo, Cafetería Yocri, Mesón Avenida, Restaurante Casanova, Bar Galicia, Bar O Rabel, La Travesía Vinos e Restaurante ONZE.
O xurado profesional de mañá domingo estará composto polo chef con estrela Michelín Luis Veira; Antonio Amenedo, do Pazo de Santa Cruz de Mondoi; e Gorka Rodríguez, da pulpeira de Melide. Por primeira vez celebrarase no Mercado Municipal do casco histórico.
Igualdade entre os finalistas
O xurado semanal que degustou as 12 tortillas destacou a igualdade que existiu entre os participantes e a dificultade que cada ano existe para elixir os cinco finalistas. Durante a fin de semana tamén se poderá seguir degustando a tortilla nos locais participantes e así participar nos sorteos do certame e na votación para elixir a mellor tortilla “popular”.
O Concello puxo en marcha unha aplicación móbil “GastroBetanzos”, que está dispoñible para Android e iOS, para que a clientela dos locais inscritos na XV edición da Semana da Tortilla de Betanzos poida participar de maneira activa no evento. Ao descargar GastroBetanzos no teléfono pódese, ademais de obter información da Semana, participar en sorteos e votar pola tortilla preferida.
Para iso, as persoas interesadas deberán escanear o código QR asignado de maneira exclusiva a cada un dos locais para que quede constancia de que se probou a súa tortilla. Ao realizar o escaneo en cinco dos establecementos participantes, entrarase no sorteo de cinco experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos “Restaurantes da Biosfera”, certificados no ano 2019 na Marca de Calidade coa colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e de cinco lotes de produtos de “merchandising” de Coca-Cola.
Ademais, os usuarios da APP, cando completen o escaneo dos cinco códigos QR, poderán votar pola tortilla que lles pareza mellor e así colaborar na elección do establecemento gañador da XV Semana da Tortilla de Betanzos na categoría de Premio Popular. Tamén se poderá facer selando o díptico informativo en cinco dos 12 locais participantes para entrar no sorteo. O prezo da tapa é de 2,5 euros, e o da tortilla enteira, de 20 euros. A tortilla sérvese entre as 12:30 h e as 15:00 h pola mañá e entre as 20:00 e as 22:00 h pola tarde, agás os venres e os sábados, nos que o horario é de 20:00 a 23:00 h pola tarde.