Jesús Celemín regresa ao Goberno da Coruña para asumir a área de Infraestruturas

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu este luns o pleno de toma de posesión de Jesús Javier Celemín Santos como novo concelleiro do Goberno local, onde asumirá a responsabilidade da área de Infraestruturas.
Celemín volve así ao executivo municipal despois de ter formado parte da Corporación no pasado mandato, etapa na que ocupou diferentes responsabilidades vinculadas a áreas como Educación, Cultura, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego.
Coa súa incorporación, o Concello acometerá unha reorganización das competencias do Goberno local. A área de Mobilidade, que estaba integrada anteriormente na concellaría de Infraestruturas, pasará agora a depender da concellaría de Seguridade Cidadá e Interior, dirixida por Montse Paz.
Durante o acto de incorporación, Inés Rey deu a benvida ao novo edil e destacou a súa traxectoria e vinculación co Concello da Coruña. A rexedora afirmou que “Celemín é sinónimo de implicación, capacidade de traballo e diálogo. E chega coa vontade de seguir axudándonos a que A Coruña avance nun momento crucial para o seu desenvolvemento e transformación”.
Con esta incorporación, o Goberno local sitúa a Celemín á fronte da área de Infraestruturas nun momento no que se mantén a reorganización interna das competencias municipais.