Irixoa avanza na protección da súa paisaxe coa Estratexia Proxecta Paisaxe da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas

ACoruñaXa
Técnicos da entidade, o Concello e a comunidade de montes de Monte Raño colaboran para impulsar actuacións de conservación e valorización dos espazos naturais
IRIXOA terras do mandeo
31 Jul 2026

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas continúa desenvolvendo a Estratexia Proxecta Paisaxe nos municipios que integran este espazo protexido. Nesta ocasión, os traballos trasladáronse ao concello de Irixoa, onde se realizaron visitas de campo e reunións técnicas para avanzar na planificación de actuacións destinadas á conservación e mellora da contorna natural.

Durante a xornada, representantes da Reserva de Biosfera traballaron de forma coordinada co equipo de goberno municipal e coa comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Monte Raño para identificar posibles intervencións en algúns dos espazos naturais máis representativos do municipio.

As actuacións céntranse na posta en valor de fragas atlánticas, camiños tradicionais e carballeiras de elevado interese ecolóxico e paisaxístico, ecosistemas que destacan pola súa riqueza ambiental e pola biodiversidade que albergan.

Desde a Reserva de Biosfera subliñan que a implicación da veciñanza e das comunidades de montes resulta fundamental para deseñar proxectos adaptados ás necesidades do territorio. Por iso, a colaboración co Concello de Irixoa e coa comunidade de Monte Raño considérase clave para impulsar iniciativas participativas que favorezan tanto a conservación da paisaxe como o uso sostible destes espazos.

A Estratexia Proxecta Paisaxe tamén contempla a creación dunha carteira común de proxectos para os concellos da Reserva de Biosfera, co obxectivo de protexer o patrimonio natural e favorecer a creación de novos espazos destinados á educación e á sensibilización ambiental.

0.12538194656372