Irene Manteiga e Antía Yáñez conversarán en Miño sobre literatura, feminismo e resistencia

A literatura e o feminismo centrarán unha nova sesión do ciclo 'Conversas EnCaMiño', que nesta ocasión reunirá en Miño as escritoras Irene Manteiga e Antía Yáñez. O encontro, titulado 'As verbas que non calan: literatura, feminismo e resistencia', terá lugar o martes 24 de novembro, ás 19.00 horas, no Salón de Actos do Centro Social A Rúa.
A xornada servirá para abordar a violencia de xénero na actualidade desde a perspectiva das dúas autoras, que compartirán co público as súas reflexións arredor desta realidade e do papel da literatura, o feminismo e a resistencia. A conversa estará moderada por Lucía Fernández.
A actividade enmárcase na programación organizada con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e está impulsada pola Concellería de Igualdade de Miño coa colaboración do club de lectura da biblioteca municipal.
A proposta busca abrir un espazo de diálogo e reflexión a través da palabra e da literatura, achegando á veciñanza unha oportunidade para escoitar e compartir diferentes visións sobre a igualdade e a loita contra a violencia de xénero.