Invístense máis de 1 millón de euros nas obras de mellora de estradas en Miño e Oza-Cesuras

ACoruñaXa
O pleno da Deputación deu luz verde á renovación pavimento en dous tramos das estradas DP 0106 de San Vicente de Vigo a Oza dos Ríos e na DP 4803 de Miño
Imaxe do pleno deste 26 de abril da Deputación da Coruña
Imaxe do pleno deste 26 de abril da Deputación da Coruña
Redacción ACoruñaXa
26 abr 2024

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres 26 de abril por unanimidade investimentos por máis de 1 millón de euros para a mellora da seguridade vial en dúas estradas provinciais dos concellos de Miño e Oza-Cesuras.

O primeiro dos proxectos suporá a renovación da capa de rodaxe na DP-0106, que vai de San Vicente de Vigo a Oza dos Ríos e suporá un investimento de 502.900,99 euros.

A actuación mellorará o tramo comprendido entre o PQ 8+200 e o PQ 13+220 e inclúe a extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente compactada de mestura para a regularización en zonas puntuais, nas que sexa necesario por afundimentos. Completarase coa extensión dunha capa de 5 centímetros de espesor deste mesmo material.

De maneira previa, procederase ao despexe e limpeza das beiravías e ao desbroce dos noiros, así como á poda do arborado que supoña un perigo para a seguridade vial, ademais do fresado necesario en zonas de entronque con outras estradas e entradas de parcelas.

A obra completarase coa renovación da sinalización horizontal mediante pintura acrílica en base acuosa e a adaptación das tapas de rexistro de pozos e sumidoiros á nova rasante. Co obxectivo de incrementar a seguridade e facilitar o mantemento do tráfico, procederase á execución das melloras primeiro por unha marxe e, posteriormente, pola outra; de modo que a vía manterá o seu servizo nun dos carrís en todo momento.

Mellora da DP 4803 en Miño

Ademais, o pleno da Deputación da Coruña aprobou o inicio dos trámites para levar a cabo o proxecto de reforzo do firme na DP 4803, no Concello de Miño, desde o PQ 0+000 ata o PQ 4+000, que contará cun orzamento de 540.879 euros.

O obxectivo é o de contribuír á mellora das condicións de seguridade da circulación.As obras a realizar inclúen a renovación do pavimento en zonas afectadas localizadas, a instalación de saneamento nunha superficie aproximada de 7.000 metros cadrados e a posterior dotación dunha capa de rodaxe nunha superficie de 34.665 metros cadrados, constituída por unha mestura asfáltica en quente.

De seguido realizarase a sinalización dos tramos froito da actuación, dotándoos de marcas viais con pintura acrílica para conformar o eixo e as bandas laterais da calzada, complementándoo coa sinalización vertical para a mellora da seguridade vial en todo o tramo.

Coa execución desta renovación increméntase a seguridade vial nunha das estradas da rede provincial, á vez que se melloran as infraestruturas básicas do Concello de Miño, facilitando os desprazamentos da súa veciñanza.