Invístense 342.792 euros na eficiencia enerxética e na accesibilidade do polideportivo de Guísamo

ACoruñaXa
Para unha mellor execución limitáranse as prazas no aparcamento
Imaxe do polideportivo de Guísamo
Imaxe do polideportivo de Guísamo
19 abr 2024

Esta semana deron comezo as obras de mellora de eficiencia enerxética e de accesibilidade do polideportivo de Guísamo. Esta actuación, orzada polo Concello de Bergondo en 342.792 euros, busca mellorar o illamento térmico e lograr un aforro enerxético; así como mellorar a comodidade do espazo, facéndoo máis amable no seu uso.

O proxecto contempla a mellora da cuberta, colocando un illamento térmico de la de vidro; a substitución da caldeira de gasoil por unha de biomasa, que, ademais de abastecer de auga quente a vestiarios e aseos, alimentará a 8 aerotermos para dotar ao edificio dunha calefacción con enerxía renovable; a renovación total da actual iluminación por outra de tecnoloxía LED; a mellora da ventilación da pista e a instalación dunha tubaxe de drenaxe para evitar a entrada de auga desde o terreo ao interior do edificio.

No referido á accesibilidade, contémplase a reforma dos aseos e vestiarios, adaptándoos a persoas con mobilidade reducida; e tamén se proxecta a instalación dun salvaescalera para poder subir á bancada.

Durante o transcurso das obras inhabilitaranse algunhas prazas de aparcamento na zona para un mellor desenvolvemento dos traballos.

Dende o goberno local de Bergondo destacan “a importancia deste tipo de obras para as arcas municipais, xa que, ademais de mellorar as instalacións, facéndoas máis modernas e adaptadas ás necesidades de todas as persoas, permítennos aforrar diñeiro grazas ás novas tecnoloxías, renovables e de menor impacto ambiental”. Ademais, tamén agradecen “a desinteresada colaboración do persoal do CPAP de Fiobre, que asesoraron sobre as cuestións de accesibilidade no proxecto”.