Invístense 1,2 millóns de euros na mellora da mobilidade peonil na estrada AC-840 en Oza-Cesuras
A Xunta vén de adxudicar por preto de 1,2 millóns de euros as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada AC-840 no concello de Oza-Cesuras para a execución dunha nova senda e pasarela baixo a vía do tren.
A actuación, adxudicada á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., comezará na segunda quincena de maio e terá un prazo de 10 meses. Trátase de darlle solución ao estreitamento nesta vía á altura do quilómetro 8+280, no paso baixo o ferrocarril. Neste punto agora mesmo só hai espazo para a circulación de vehículos, de xeito que calquera persoa que queira pasar andando ten que facelo pola estrada.
A solución consiste en habilitar un paso exclusivo e seguro para os usuarios máis vulnerables da estrada, como son os peóns e ciclistas non deportivos, favorecendo a mobilidade das persoas con maiores dificultades.
Executarase un itinerario diferenciado dos carrís de circulación e con conexión coas beirarrúas a ambos lados do paso baixo o ferrocarril, o que redundará en maior seguridade nesa contorna. O itinerario terá unha lonxitude total de 128 metros, en sección de senda mixta, para peóns e ciclistas non deportivos, cun ancho variable, entre os 2,5 e os 4 metros.
A senda terá dous treitos diferenciados: por unha banda, unha rampla paralela á vía do tren, para salvar a altura entre a cota de entrada do paso e a do viario de servizo e que se sosterá cun muro de formigón armado lateral; e por outra banda, outro treito que será o paso baixo o tren cunha estrutura de formigón armado de 22 metros, dividida en dous módulos. O itinerario continuará paralelo ao noiro existente ata o camiño de servizo que empata coa AC-840.
A solución deseñada ten a vantaxe de que permite evitar afeccións significativas durante a execución das obras ao tráfico viario na propia estrada AC-840 e tamén ao tráfico ferroviario. O proxecto tamén inclúe a dotación de iluminación en todo este treito e a execución de rede de drenaxe de pluviais.