Identificado Gerardo Gómez Lorenzo, o veciño de Bergondo asasinado tras a fuga do Forte de San Cristóbal

ACoruñaXa
A confirmación por ADN pecha unha procura iniciada hai anos arredor dun dos dous bergondeses vinculados á maior evasión carceraria da Europa contemporánea
NAVARRA fuerte san cristobal
19 Jun 2026

O Instituto Navarro da Memoria confirmou a identificación dos restos de Gerardo Gómez Lorenzo, veciño de Bergondo que participou na histórica fuga do Forte de San Cristóbal, no monte Ezkaba, o 22 de maio de 1938. O achado permite poñer nome, case nove décadas despois, a un dos presos asasinados tras escapar do penal navarro.

Gerardo Gómez Lorenzo nacera en Bergondo o 24 de setembro de 1916. Era solteiro e carpinteiro de profesión. Foi xulgado en consello de guerra na Coruña o 29 de xaneiro de 1937 e condenado a 30 anos de prisión por auxilio á rebelión. O 14 de xuño dese mesmo ano ingresou no Forte de San Cristóbal, onde permaneceu ata a fuga.

A súa historia forma parte dun dos episodios máis duros da represión franquista. Na evasión participaron 795 reclusos, que intentaron alcanzar a fronteira francesa. Segundo o Instituto Navarro da Memoria, 207 foron asasinados en diferentes lugares tras ser capturados e polo menos 54 corpos foron recuperados, dos que 12 xa puideron ser identificados xeneticamente.

No caso de Gerardo Gómez, foi capturado dous días despois da fuga en Leranotz, no val de Esteribar. Tras ser retido xunto con outro preso fuxido, foi conducido á paraxe de Oiazki, onde ambos foron asasinados e enterrados. Os seus restos foran exhumados en maio de 2018, pero permanecían sen identificar.

A confirmación chega despois dunha procura que levaba anos aberta. O Concello de Bergondo xa impulsara en 2025 unha charla-debate sobre a presenza de dous veciños do municipio naquela fuga: Gerardo Gómez Lorenzo e Andrés Pardo Argüeso ou Agüero. A iniciativa buscaba recuperar a memoria dos dous bergondeses e avanzar na recollida de información sobre o seu destino.

O avance definitivo chegou grazas ao traballo do investigador Fermín Ezkieta, especialista na fuga de San Cristóbal, que conseguiu contactar con familiares de Gerardo Gómez en Bergondo e tamén na cidade de Azul, na Arxentina. As mostras de ADN permitiron cotejar os restos recuperados en Navarra e confirmar agora a identidade do mozo bergondés.

A identificación pon fin a case 90 anos de incerteza para a súa familia e devolve a Bergondo unha parte da súa memoria histórica. Tamén supón un novo paso no traballo de recuperación das vítimas da represión, impulsado a través das exhumacións, a investigación documental e o Banco de ADN do Goberno de Navarra.

0.12419581413269