González Formoso apelou en Oleiros ao legado de Mujica: “A política debe servir para mellorar a vida das persoas”

GaliciaXa | ACoruñaXa
O presidente da Deputación participou na inauguración do paseo dedicado ao expresidente uruguaio e destacou a recuperación da ría do Burgo
acto-lembranza-mujica-oleiros
17 Oct 2026

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na inauguración do paseo Pepe Mujica, en Oleiros, cunha reivindicación da política como ferramenta para mellorar a vida das persoas. Nun espazo recuperado para o desfrute da cidadanía, Formoso evocou a humildade, a coherencia e a vocación de servizo do expresidente uruguaio: “Por enriba dos intereses partidistas ou das ambicións políticas, o importante é buscar o ben común”.

O acto, celebrado no parque do Paraíso, en Perillo, contou coa participación do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; do embaixador de Uruguai en España, Bernardo Greiver del Hoyo; e da senadora uruguaia Blanca Rodríguez González, ademais da compañeira de Mujica, Lucía Topolansky, que interveu por videoconferencia.

Formoso relacionou o legado de Mujica co sentido da actuación inaugurada: recuperar a contorna da ría para que os maiores teñan un lugar agradable onde camiñar, as familias poidan pasar unha tarde ao aire libre e os nenos e nenas aprendan a andar en bicicleta. “Tamén para iso serve a política. Para facer posibles esas pequenas cousas que fan mellor a vida de todos”, afirmou.

O presidente provincial lembrou unha frase de Mujica que, ao seu xuízo, resume a esencia do servizo público: “La política es la lucha por la felicidad de todos”. Vinculouna co artigo 13 da Constitución de Cádiz de 1812, que establecía que “El objeto del Gobierno es la felicidad de la Nación”. “Dous séculos de distancia e unha mesma idea: que a política debe servir para mellorar a vida das persoas”, sinalou.

Fronte á confrontación e ao ruído que marcan o debate público, Formoso destacou o exemplo dun home que coñeceu a pobreza, a persecución e o cárcere e que chegou á presidencia de Uruguai sen perder “a humildade, a coherencia nin a capacidade de falar coa xente de igual a igual”.

Na súa intervención, Formoso destacou que a tranformación da zona. “Ás veces utilizamos a palabra transformación con demasiada facilidade. Pero hoxe estamos diante dunha transformación de verdade. Desas que cambian a paisaxe, recuperan espazos públicos e melloran a vida da xente”, afirmou en referencia ao paseo de máis de 11 quilómetros que conecta A Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros. “Catro concellos unidos por un gran paseo para camiñar, facer deporte ou simplemente gozar da ría”, destacou.

Os fíos da emigración galega

A homenaxe a Mujica serviu tamén para reivindicar os vínculos que unen Galicia con Uruguai e Arxentina. Formoso lembrou as xeracións de emigrantes galegos que cruzaron o Atlántico buscando un futuro mellor e contribuíron ao progreso dos países de acollida sen esquecer as súas raíces.

“Por moito que hoxe algúns se empeñen en rachalos, hai fíos invisibles da historia; fíos feitos de familias, memoria e afectos, que seguen e seguirán unindo a Galicia coas dúas beiras do Río da Prata”, expresou.

Pola súa banda, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, gabou tamén a traxectoria humana e política de Pepe Mujica, destacando a súa loita revolucionaria, os 14 de anos de prisión e tortura que sufriu e a súa capacidade posterior de perdón. “O nome de Pepe Mujica é o mellor nome posible acorde a este magnífico espazo público”; afirmou.

García Seoane destacou tamén os “lazos de irmandade” que unen a Galicia con Uruguai, marcados pola emigración galega e por figuras de ascendencia local que alcanzaron gran relevancia na historia uruguaia, como Claudio Wiliiam, fillo dun emigrante de Maianca, que chegou a ser presidente do país entre 1907 e 1911, ou Fernando Lugrís, un dos principais diplomáticos do país.

O acto incluíu a proxección dunha intervención de Lucía Topolansky e dun vídeo con testemuños de Pepe Mujica, así como a interpretación do tema «Don José» polo cantautor Walter César. A descuberta dunha placa conmemorativa ao son do himno de Uruguai e a interpretación do himno galego pola Banda de Música de Oleiros pecharon a homenaxe.

0.16179203987122