Gastón Acurio será un dos grandes nomes do Galicia Fórum Gastronómico 2027

ACoruñaXa
O recoñecido chef peruano participará na cita, que se celebrará do 4 ao 6 de abril en ExpoCoruña baixo o lema 'As Cociñas de Ultramar', centrado nos intercambios gastronómicos entre Galicia e os territorios atlánticos
A CORUÑA gastón acuario
12 Nov 2026

A gastronomía peruana terá un dos seus principais embaixadores na próxima edición do Galicia Fórum Gastronómico. Gastón Acurio, considerado unha das figuras máis influentes da cociña internacional, estará no encontro que se desenvolverá do 4 ao 6 de abril de 2027 en ExpoCoruña, nunha edición que terá como fío condutor 'As Cociñas de Ultramar'.

Acurio é unha das figuras clave na proxección internacional da cociña do Perú. En 1994 abriu xunto á súa parella, Astrid Gutsche, o restaurante Astrid & Gastón en Lima, que comezou cunha proposta de inspiración francesa e evolucionou cara a unha cociña baseada nos produtos e nas tradicións peruanas. Ese proceso acompañou o recoñecemento crecente da gastronomía do país fóra das súas fronteiras.

O chef tamén desenvolveu un importante labor de divulgación a través de proxectos como o programa televisivo Aventura Culinaria, no que percorreu distintas rexións do Perú para dar a coñecer os seus produtos, receitas e costumes gastronómicas. Ademais, promoveu iniciativas destinadas a conectar cociñeiros e produtores arredor da identidade culinaria peruana. O seu próximo libro, ¡Viva la papa!, previsto para este mes de novembro, reunirá máis de 300 receitas dedicadas a un dos ingredientes fundamentais desa tradición.

A edición de 2027 xirará arredor das 'Cociñas de Ultramar', entendidas como un intercambio de ida e volta entre Galicia, os territorios de ultramar e outros espazos atlánticos. O Fórum quere afondar na circulación de produtos, sabores e coñecementos que influíron na evolución da cociña galega e que seguen presentes na súa identidade actual.

O programa distribuirase en nove espazos especializados. O Auditorio acollerá as sesións dos principais nomes da gastronomía actual, mentres que o Taller ofrecerá demostracións culinarias con degustación dos pratos elaborados. Pola súa banda, o Ágora será escenario de debates sobre os retos do sector, encontros profesionais e presentacións de produtos e novidades das empresas expositoras.

O viño, a coctelería, o queixo e o café de especialidade terán tamén os seus propios espazos: Wine Circus, Cocktail Bar Fórum, Cheese Fórum e Coffee Fórum. A programación completarase co Mercado KM.0, dedicado a pequenos produtores galegos do medio rural, do mar e da artesanía alimentaria, e con Cook Trends, onde os colectivos de cociña galegos presentarán as súas propostas.

A zona expositiva reunirá empresas alimentarias, distribuidores e marcas vinculadas aos sectores foodservice e Horeca. O encontro busca favorecer o contacto entre compañías e profesionais da restauración e da distribución, así como abrir novas oportunidades comerciais. Ademais, está prevista unha nova misión comercial con reunións concertadas entre expositores e potenciais compradores, importadores e prescritores nacionais e internacionais. A contratación de espazos continúa aberta.

0.14894390106201