Galiza sen Gas denuncia un retroceso na descarbonización tras aumentar o consumo de gas fósil

A plataforma Galiza sen Gas advertiu este martes dun retroceso nos avances cara á descarbonización e á soberanía enerxética en Galicia durante o ano 2025, ao rexistrarse un importante incremento tanto na importación como no consumo de gas fósil. A entidade considera que a comunidade autónoma continúa afastándose dos obxectivos de abandono dos combustibles fósiles e critica a falta de medidas por parte da Xunta para acelerar a transición enerxética.
Segundo a análise presentada pola plataforma, as entradas de gas fósil licuado a través da planta regasificadora de Mugardos incrementáronse un 14% durante o pasado ano, alcanzando os 27.144 GWh. Trátase da segunda cifra máis elevada desde a posta en marcha da instalación en 2007. Galiza sen Gas subliña que todo o aprovisionamento de gas en Galicia procede actualmente do transporte marítimo, sen importacións por gasoduto, e advirte de que o gas licuado presenta un maior impacto climático, especialmente cando procede de extracción mediante fractura hidráulica ou “fracking”.
Durante 2025 descargáronse en Mugardos un total de 26 buques gaseiros. Deles, 14 procedían dos Estados Unidos, 11 de Rusia e un de Angola. A plataforma destaca que os Estados Unidos se converteron no principal país de orixe do gas importado por Galicia, substituíndo a Rusia, e lembra que unha parte importante deste combustible é obtida mediante técnicas que considera altamente prexudiciais para o medio ambiente.
A organización tamén sinala que parte do gas que chega á regasificadora é posteriormente reexportado, convertendo os combustibles fósiles nun dos principais capítulos das exportacións enerxéticas galegas, xunto cos produtos refinados procedentes da planta de Repsol na Coruña.
No que respecta ao consumo, a demanda galega de gas fósil aumentou un 3,6% en 2025. Este incremento estivo impulsado principalmente polas centrais de ciclo combinado das Pontes e Sabón, que elevaron nun 20,8% o seu consumo de gas para a produción de electricidade. Como consecuencia, as emisións de gases de efecto invernadoiro destas instalacións medraron un 20,5% durante o pasado ano.
Segundo Galiza sen Gas, as centrais de ciclo combinado das Pontes e Sabón convertéronse nas dúas industrias con maior impacto climático de Galicia, só por detrás da refinaría de petróleo da Coruña. En contraste, a demanda convencional de gas, destinada principalmente á xeración de calor na industria e nos fogares, reduciuse un 4,6%.
A plataforma lamenta tamén a ausencia de avances na planificación do desmantelamento da infraestrutura gasista galega. Neste sentido, apunta que dous acontecementos rexistrados durante 2025 contribúen a consolidar a continuidade deste modelo enerxético. Por unha banda, a sentenza do Tribunal Supremo que avalou a legalización da planta regasificadora de Mugardos e, por outra, a promoción de varios proxectos de produción de biometano destinados á súa inxección na rede de distribución de gas.
Desde Galiza sen Gas consideran que esta aposta pode contribuír a prolongar a dependencia dos combustibles fósiles ao manter operativa a infraestrutura gasista existente e favorecer o que cualifican de “lavado verde” do gas natural.
Ante esta situación, a plataforma reclama unha estratexia decidida para avanzar cara á desgasificación da economía galega. Entre as medidas prioritarias propón incrementar a capacidade de almacenamento e produción de electricidade renovable, adaptar a rede eléctrica para permitir o peche das centrais de ciclo combinado antes de 2030 e impulsar programas de aforro enerxético e electrificación que permitan substituír progresivamente o gas fósil nos fogares, nos servizos e na industria.
A entidade sostén que os gases renovables, como o biometano ou o hidróxeno verde, deben reservarse para aqueles usos nos que non sexa posible reducir o consumo nin electrificar a demanda, defendendo así unha transición enerxética baseada principalmente na eficiencia e nas enerxías renovables.